Opinión

LEGALIDADE, CONSENSO E SENTIDIÑO

Houbo que actualizarse, para estar á altura de quen cre 'yo y después nadie'. E coñecer que, entre o 'ti vai facendo' e 'eu son a legalidade e só se fará o que de min dependa', existe unha ampla marxe, onde debemos buscar consenso e sentidiño sen renunciar á legalidade. E sabendo, xa dende hai tempo, que a soberbia non é grandeza senón inchazón, e o que está inchado parece grande pero non está san -San Agustín-, pois aínda toca superar a ignorancia inicial sobre un proxecto, que está chamado a facer modelo de cidade nun horizonte de 25 anos. E, como comprenderán, tal obxetivo non pode ser froito exclusivamente dunha concelleira co equipo redactor. Por iso avogamos que, xa dende antes da aprobación inicial do futuro PXOM, tería que enriquecerse coas aportacións da colectividade social ourensán. Pero nin caso...!


Porque a decisión sobre as opcións que hai detrás de calquera proposta de Ordenación Xeral de cidade, aparte dos criterios políticos dos representantes do goberno municipal e dos dictames e análises técnicos, deberá apoiarse na opinión de entidades e representacións cidadáns. Entón, oscurantisno e a privacidade, non valen; e si a legalidade que ofrece a LOUGA ( artic. 100.1). 'Los instrumentos de ordenación urbana, con todos sus documentos, tanto si se encuentran aprobados como durante su tramitación, serán públicos y cualquier persona podrá, en todo momento, consultarlos, obtener copias....'. Permitiuse cumprir a lexislación? Non! Se se permitira, a participación cidadán, poderíamos plasmala no proceso de formulación ao Plan de dúas maneiras: 1) Mediante aportacións á definición do proxecto, en tanto que este é un proxecto colectivo. 2) Mediante a defensa dos seus intereses particulares, xa que poden quedar afectados polo proxecto.


Ademais, os membros da Corporación municipal deben tomar a decisión con arregro ao estado actual do documento a debater, e non segundo posibles e futuras modificacións. E resulta que, na aprobación inicial do PXOM, ata cinco informes técnicos sectoriais foron, e continúan sendo, desfavorables: Informe de sostenibilidade económico financeiro da intervención municipal, Informe da Deputación, Informe do Ministerio de Fomento e da Dirección Xeral de Ferrocarrís, e Informe da Axencia galega de Infraestructuras.


Se, ata aquí, xa hai elementos de posible ilegalidade e escurantismo, tras os cales podemos afirmar que o Plan nace viciado, a concelleira de Urbanismo de maneira unilateral e discrecional endelga as inversións necesarias para executar o PXOM -731 millóns- as diferentes administracións: Estado (543,9 millóns), Xunta (64,9), Deputación (14,4) e Concello (36,8). Quén se puxo en contacto ou intentou, ao menos, consensuar estas cifras? Un misterio!


Se engadimos que a ordenación e modelo de cidade é competencia exclusiva municipal, e que á Xunta compételle o control da legalidade e salvagarda dos intereses supramunicipais, toca sentidiño de todos e entre todos. Xa que o afán, aínda das cousas máis boas e necesarias, debe ser pausado, reposado e compartido.

Te puede interesar