Opinión

PXOM: UN PROXECTO DE CIDADE

Se o modelo de cidade arranca dunha decisión política, e esta decisión debe recoller, maioritariamente, as demandas cidadáns, é o técnico urbanista quen plasma a vontade política nunha proposta de ordenación de cidade. Aínda se esta proposta -como é o caso hoxe en Ourense- non só non se deu a coñecer, senón que se está xestionando de costas aos ourensáns? ¿Cómo os políticos poden saber o grao de sintonía dos veciños con ese futuro proxecto de cidade? Os cidadáns deben ser informados, canto antes, sobre os fins e obxectivos da planificación urbana, e debe recabarse a súa posición sobre ese proxecto, pois: 'O urbanismo impuxo non só o medio onde as persoas se moven, senón tamén o modo de vida que se lles establece'. O grupo municipal do PP leva uns días estudando pormenorizadamente o documento do futuro PXOM de Ourense; o mesmo que a concelleira de Urbanismo está a xestionar de costas aos ourensáns e con un secretismo e privacidade impropios, estando a días da aprobación inicial, e cando a especulación, da que recurrentemente a concelleira Soto acusa ao PP, xurde dende o descoñecemento á que ela está propiciando.


Sostemos, dende o PP, que hai que facer saber aos ourensáns os problemas e disfuncións que observamos no documento do futuro PXOM, ¡que si existen! Así como a nula preocupación pola futura xestión da cidade, con recalificacións do solo na súa maior parte non xustificadas adecuadamente. Pídesenos responsabilidade para a aprobación inicial do plan -o mesmo que o alcalde, hai uns días, afirmou en La Región 'descoñecer absolutamente'-, cando o documento plantexa 14 plans especiais de reforma interior (PERI) en zonas moi consolidadas de vivenda unifamiliar, que hai que desenvolver como solos non consolidados; non sabemos quen os vai a desenvolver, con qué orzamento -o do Concello é un misterio sen data de realidade-, cando e de qué forma. ¿Que lles espera aos propietarios destes solos?


Abundando nas incongruencias: dos 90 núcleos rurais do pretendido novo Plan Xeral, na maior parte déixanse fóra de ordenación as edificacións novas dos últimos 50 anos, non cumprindo co obxectivo da nova lei, a cal pretende recoller estes novos asentamentos que conlevan unha consolidación superior ao 33 por cento. O solo urbanizable baixa 642 hectáreas respecto ao plan anterior; pero, ¡o que é peor!, o que hai é inxestionable debido ao gran tamaño das súas unidades. O solo de núcleo rural baixa 402 hectáreas respecto ao plan do 2003 e, o máis chamativo, decrece 198 hectáreas respecto ao plan de 1986, deixando estas zonas simplemente para rehabilitación e nunca para a promoción de vivenda nova. Informar tamén de que non existen documentos no estudo económico financeiro que xustifiquen as inversións doutras administracións, como a estatal, autonómica e Deputación, nin como se van financiar a maior parte dos plans especiais.


Os ourensáns deben, ¡teñen!, que ser informados o máis axiña sobre os fins e obxectivos da planificación urbana, recabando a súa posición sobre o este proxecto. Un plan 'de la ciudad para los ourensanos y no solamente de la ciudad de la concejala, arquitectos e instituciones. Queremos un proyecto de ciudad contando con la voz y opinión de los ciudadanos'; como ben dicía o lema de campaña do seu mentor político: 'Un ourensán coma ti', que agora rexeita. Responsabilidade si, pero con Ourense e os seus veciños. Non para quen leva meses pedíndoa e, sen embargo, van presentar un proxecto de cidade co informe desfavorable da Intervención municipal, Fomento e Deputación. ¡Mal diagnóstico de partida!


¡Unha advertencia!: aínda estamos a tempo. Os núcleos rurais que delimita este PXOM non son sostibles... (o explicaremos na sesión plenaria), polo cal, quen desexe fixar a súa residencia no rural, terá que facelo nos concellos limítrofes.

Te puede interesar