Opinión

Sempre nos queda Portugal

Houbo un tempo no que algunha formación política se autoxustificaba dos reveses electorais cunha sentenza e unha solución, respectivamente, a recordar: “Mexan por nos e din que chove” e “sempre nos queda Portugal”. Sentenza e solución formaron parte da historia recente de insinuacións políticas, pero de súpeto a solución toma actualidade.

Así é!, non fai moito que o líder de DO, Gonzalo Jácome, nos sorprendeu cunha viaxe a Oporto para entrevistarse co seu alcalde independente –parece que da mesma afinidade ideolóxica-, coa finalidade de aprender política á portuguesa e ser alcalde. A viaxe a Oporto non deu co seu obxectivo, aínda que os resultados electorais melloraron. Pedro Sánchez, despois do pau do 20-D, escolle Lisboa para aprender cómo se pode gobernar España sen gañar nas urnas. E sabendo as diferenzas abismais entre a Monarquía española e a República en Portugal! República portuguesa onde nacionalismos e independentistas non existen –cántas cefaleas políticas aforran-; pero sempre nos queda Portugal, cecais aproveitando relacións de proximidade ou veciñanza...

Na mesma noite dos resultados do 20-D argumentamos que, dada a correlación de forzas, estabamos abocados a unha lexislatura corta ou novas eleccións; hoxe podemos afirmar que tal argumentación é certa; e sobre todo ao meterse no medio o relanzado desafío catalán. Pois facer cumplir a legalidade –sen legalidade non existe democracia posible- impón un goberno forte, capaz e garantista. Tralo 20D ningún partido ten a forza para afrontar o problema catalán, agás batiburrillos de siglas que conformen un “goberno de despacho”, tras paso por Portugal con escala en Fátima.

Nestes tempos, máis que nunca, as palabras téñense que traducir en feitos, e o trazado previo de liñas vermellas é un mal consello, non só en palabras. Os políticos deben avergoñarse cando as súas palabras sexan mellores que os feitos; e para nada é un feito viaxar a Portugal. Quérense feitos, asumindo responsabilidade por enriba de intereses partidarios; xa que vale máis actuar co risco de arrepentirse que arrepentirse de non ter actuado.

Chegou a hora de dicir: “Yo soy España”, como dixo De Gaulle: “Yo soy Francia”, diante da dificultade que suponía gobernar unha Francia con 246 clases de queixo, refiríndose ás divisións internas da IV República. En España a queixería son os nacionalismos independentistas. Estamos no preciso momento onde, nunha sociedade democrática, facer política é o único instrumento lexítimo para construir unha nova maioría (ou para conservala): porque hai que facer posible o necesario. Se para elo se acude a Portugal ou a Fátima dámolo por ben empregado. O poder habita preto da necesidade; nunca mellor dito.

Te puede interesar