Opinión

A cociña da alma

A cociña e o sétimo arte están unidos dende a aparición do cinematógrafo. Unha das primeiras pezas presentadas ao público polos irmáns Lumière foi precisamente El desayuno del bebé (1985), unha curtametraxe que tamén se considera a primeira película de cine doméstico da historia do cinema.

Comida e cine volven xuntarse en Pig, unha interesante ópera prima do cineasta Michael Sarnoski, protagonizada por Nicolas Cage. O filme, que chegou ás pantallas españolas este verán, foi unha das sorpresas da tempada: situada no top 10 das mellores películas independentes do ano, gañou o premio Mellor Director Novel nos National Board of Review (NBR), e o de Mellor Guión Novel nos Independent Spirit Awards, entre outros.

O argumento móvese arredor de Rob, un dos máis grandes chefs de alta cociña de Portland que vive retirado nunha zona salvaxe de Oregon despois da morte da súa muller. Adícase a buscar trufas xunto coa súa porca trufeira. Unha noite, uns ladróns capturan ó seu querido animal, e o protagonista vese obrigado a regresar á cidade para rescatalo.

A nivel estrutural, Pig é unha “viaxe do heroe”, dividido en tres actos, onde cada un leva o nome dun prato. O roubo da porca é unha escusa para contar a saída do heroe, dende o seu mundo solitario, ata á resurrección final. Nesta aventura clásica, o protagonista está acompañado por Amir, un ambicioso empresario e aprendiz de chef que lle compra os prezados fungos. A nivel estilístico, Pig é unha obra cociñada a modiño, minimalista e, á súa vez, enigmática. Calquera discurso puramente intelectual queda excluído coa sabedoría dos silencios. As clases maxistrais sobre a música clásica que se van escoitando durante o filme, por exemplo, acentúan esa evidencia e son definitivamente muteados por Amir no terceiro acto.

Nicolas Cage regálanos o papel máis sobrio da súa carreira. Acostumados ás súas interpretación excesivas e aos seus personaxes histriónicos, para este papel, o actor cambia completamente de rexistro e resulta case irrecoñecible. Consegue encarnar a soidade e a dor con poucos xestos, na maioría das escenas só a través da súa mirada melancólica. Logo están as referencias gastronómicas que se misturan coa mitoloxía. Hestia é a deusa grega do lume do fogar, ademais de ser o nome do restaurante que rexentaba Rob. Esta simboloxía establece claramente a visión culinaria do protagonista fronte á imposición da nova restauración baseada na cociña molecular. Quizais, un dos mellores momentos deste filme sexa a parada no restaurante Eurydice. Alí, o protagonista, coa cara manchada de sangue e a roupa sucia, enfróntase ao arribista chef conceptual. O diálogo entre os dous é para ser visionado nas clases de hostalería.

A trufa é un produto exclusivo, un símbolo gastronómico. Para os romanos era o “manxar dos deuses”. Pero aquí non estamos fronte a unha obra cinematográfica demasiado sofisticada. Pig é unha película feita con poucos ingredientes. Iso si, moi ben escollidos, e cun aroma singular – seguramente é para padais algo finos - e sobre todo é un bo agoiro para as futuras realizacións deste cineasta novel.

Te puede interesar