Opinión

Calma chicha

No 2022 púxose de moda levar ao cine a vida de personaxes históricas, de mitos populares, subvertendo as regras do biopic tradicional, modificando amplamente a realidade, xogando coa imaxinación. Os resultados máis demoledores foron Blonde (2022) de Andrew Dominik, en parte Elvis (2022) de Baz Luhrman, e a recentemente estreada La emperatriz rebelde de Marie Kreutzer, sobre a vida e o mito de Isabel de Austria. Quizais, entre todos os traballos que acabamos de mencionar, o de Kreutzer foi o máis logrado.

A actriz Frances O’Connor chega agora ás pantallas con Emily. É a súa ópera prima como directora, outro biopic imaxinario, esta vez libremente inspirado na autora de Cumbres borrascosas. A película explora as relacións que inspiraron a Emily Brontë na creación da súa novela: o vínculo coas súas irmás Charlotte e Anne ademais da especial amizade e complicidade co seu irmán Branwell, e a relación co seu primeiro amor, Willian Weightman. Este último foi un sacerdote anglicano, acollido e adorado polo pai das Brontë. No filme especúlase sobre un romance entre el e a protagonista, algo que, como moitos dos feitos contados polo filme, non está probado. A película intenta demostrar que a orixe de Cumbres borrascosas reside principalmente nas vivencias dese romance “maldito” e o núcleo do filme xira arredor del.

A directora ambienta a longametraxe en Haworth (West Yorkshire), nos lugares reais tradicionalmente asociados coas irmáns Brontë, pero a característica paisaxe inglés non é suficiente para dar forza a historia. Ao ser unha ópera prima e a vez un biopic imaxinario, é licito esperarse algún sobresalto ou, en xeral, algo mais atrevido. Pero o filme, excepto algunha reinvención biográfica, non arrisca moito. É unha historia bastante usual envolta nun decorado moi coidado do século XIX.

O 1847 foi un ano fundamental para a literatura Vitoriana. Publicáronse Jane Eyre (Charlotte), Agnes Grey (Anne) e, por suposto, Cumbres borrascosas de Emily Brontë. E a obra de Emily, así como a palabra escrita, a creación literaria, case non teñen peso neste filme. Nos poucos momentos no que se nomea a escritura, considérase como unha maldición e unha salvación pola protagonista. Resulta difícil establecer se esta reflexión que move Frances O’Connor sexa algo que nos axude a chegar a esencia profunda do proceso creativo da escritora. A relación de Emily coas outras irmáns está contada tamén de forma bastante despectiva, sen demasiada xustificación. Emma Mackey, a Maeve da serie Sex Education, interpreta unha Emily Brontë malhumorada e inestable pero, sí, con algo mais de sentidiño e de talento para non deixarse caer por completo polos camiños opiáceos ao igual que o seu querido e adicto irmán.

En definitiva, Emily parece máis ben unha oportunidade que se quedou a medias. Non tanto polo intento de O’Connor de construír un biopic xogando coa imaxinación, máis ben porque o resultado é un melodrama regular, pouco enxeñoso e borrascoso. Emily non engade nin quita verdadeiramente nada á mitoloxía das irmáns Brontë.

Te puede interesar