Opinión

Desaparecida

No ano 1983, a desaparición da adolescente Emanuela Orlandi, cidadá do Vaticano, conmocionou a toda Italia. O caso convertiuse pronto nun complexísimo crebacabezas para a policía. Abríronse distintas pistas de investigación sen atopar nunca unha resposta certa e concreta. Despois de 39 anos, a miniserie documental La chica del Vaticano: la desaparición de Emanuela Orlandi, estreada na plataforma dixital de Netflix e dirixida polo director de A los gatos, ni tocarlos (2019), Mark Lewis, explora todos eses camiños, aportando novos datos. Pero, sobre todo, dando a coñecer o caso ao resto do mundo.

Durante 39 anos, os medios e os investigadores, especularon sobre as posibles causas que provocaron a desaparición da rapaza de quince anos. As supostas persoas implicadas foron as máis incribles e as posibles conclusións as mais disparatadas. Falouse da implicación da banda da Magliana – unha organización criminal retratada no notable filme de Michele Placido e na serie Romanzo Criminale (2008) –, tamén se barallou unha conexión cos servizos secretos do Vaticano e o sindicato polaco Solidarnosc. O atentado de Ali Agca a Juan Pablo II, pareceu cobrar sentido ao principio, para logo chegar aos terribles casos de pederastia que sacudiron a igrexa católica nos últimos anos.

A desaparición de Orlandi está envolta nun misterio digno dunha novela de Dan Brown. Algo similar ao caso Zodiac, como o narrou David Fincher no 2007, ou á miniserie Los hijos de Sam (2021). Cada vez que unha porta se abre e deixa entrar algo de luz, só se descobre outra creba nunha parede demasiado robusta para ser derribada e finalmente outro camiño mais sen saída. Pero La chica del Vaticano amosa que non todos os true crime serven para atopar unha resposta.

Aínda así, a serie aporta novos datos. Deixa claro que as pezas que faltan poderían ser ocultas, sepultadas nalgún dos sotos do Vaticano. Pero diante das últimas revelacións saídas á luz polo Vatileaks, con documentos que se refiren directamente á Orlandi, os altos cargos do Vaticano insisten en negar calquera implicación. Seguen descargando “pilatescamente” as responsabilidades da desaparición fóra dos confíns do seu estado. O caso, segue aberto.

La chica del Vaticano, tamén é a historia doutra rapaza desaparecida uns días antes da Orlandi en circunstancias similares. Unha desaparición de serie B, como a definen laconicamente os pais dela no documental, porque non tivo a mesma repercusión mediática. Mirella Gregori non era filla de funcionarios do Vaticano, senon de meseiros, xerentes dun bar na buliciosa rúa Nomentana. Na serie, por momentos, as historias das dúas rapazas parecen cruzarse para logo afastarse nun mesmo misterio sen resolver.

Unha nota a marxe, pero non menos importante, merece a curiosa estratexia de marketing empregada en Italia polo lanzamento da serie. Reapareceron polas rúas de Roma os carteis co rostro da rapaza, iguais aos que empapelaron toda a cidade no 1983. Desta vez estaban contiñan sobre eles unhas preguntas: “Emanuela Orlandi desapareceu porque foi vítima dun xogo de poder?”, ou “para manter oculto un secreto do Vaticano?”.

Ás veces os true crime non serven para dar respostas, senon para impulsar con enerxía renovada a investigación. Para non minguar a esperanza. Para que continúe á procura dalgunha resposta que atravese os muros poderosos da omertá.

Te puede interesar