Opinión

A estación da liberdade

O desafortunado título Cómo mandarlo todo a la mierda, de primeira, quizais non invitaría a un visionado. Pero hai que ir máis aló. É a primeira serie asinada polo actor Jaime Olías xunto con Pablo Sanhermelando. Na última década, Olías gravara unhas interesantes curtametraxes sobre a adolescencia, The sound of mine (2019) e Chaval (2012) entre outros, e aquí en formato serie segue na mesma exploración do mundo xuvenil con resultados sorprendentes. Agora, Olías e Sanhermelando retratan á xeración Z en 4:3 e con cámara ao ombro cunha naturalidade que non se adoita ver no cine español. É unha serie diferente a Élite pero tamén se sitúa moi lonxe de Euphoria. O estilo de Cómo mandarlo todo a la mierda é máis observacional, propio da tradición francesa e belga. Penso no espírito da nouvelle vague, en Laurent Cantet ou nos irmáns Dardenne sobre todo, aínda que coas debidas distancias.

O argumento é bastante sinxelo. Uns adolescentes, deixando crer aos seus pais que están de viaxe de fin de curso co instituto, lánzanse á estrada cunha furgoneta vintage e sen rumbo fixo. Alba, unha moza que leva pouco tempo no instituto, aproveita para unirse ao grupo e así fuxir dunha situación insostible que ten na súa casa. Abrazando á liberdade, improvisando o destino, os adolescentes enfróntanse a unha serie de problemas prácticos que terán que superar para seguir movéndose e, o máis importante, para non dar volta atrás.

A temporada de Cómo mandarlo todo a la mierda resúmese en 6 capítulos. Cada un dura arredor de 20 minutos, adaptándose ao costume de consumo do público novo. Ademais do insólito estilo sobrio que retrata con honestidade a estes novos rebeldes sen causa, engádense os sons urbanos e o trap, elementos que conforman a banda sonora dunha xeración.

Como mandarlo todo a la mierda é unha serie onde as figuras paternais están case ausentes. E as poucas que aparecen non son precisamente uns modelos a seguir – o irmán de Alba ou o home que lles aluga a casa, son os peores. A intención dos seus creadores é precisamente a de empatizar cos adolescentes, sen necesariamente utilizalos como referentes, pero si compartindo a mesmo camiño de descubrimento con eles. Como mandarlo todo a la mierda é unha viaxe física e emocional. Sitúase nunha etapa clave da vida dos protagonistas; na liña de sombra. É a estación de tránsito onde as mozas e os mozos están para converterse en adultos, vense obrigados a tomar a súa propias decisións e comportarse de forma consecuente a elas. Na exploración dos confíns da liberdade de cada un deles sitúase esa aventura, un percorrido que non está exento de decepcións pero tamén de pequenas grandes conquistas. Reflexións que os creadores desta serie conseguen transmitir de forma crible e desenfadada, incluso con pinceladas de comedia, todo acorde ás improvisacións dos protagonistas. Entre os personaxes, destacan os de Alba (Naira Lleó) e Irene (Malva Vela). Os demais, quizais, quedan un pouco na superficie, aínda que as interpretacións son moi espontáneas e frescas. Esta novísima produción española xa está dispoñible en HBO Max. Tamén poden gozala os máis adultos que, especialmente no verán e nas vacacións, rexuvenecen.

Te puede interesar