Opinión

Gunther: vida de can

O documental bizarro, surrealista, é un xénero moi recoñecible dentro da historia do cine. Os misterios, as lendas urbanas, os contextos insólitos ou macabros, as rodaxes, os líderes de seitas e, en xeral, os personaxes inclasificables, son xeralmente o seu argumento principal.

O primeiro filme que a crítica cualificou como “documental surrealista” foi “Las Hurdes, tierra sin pan” de Luis Buñuel do 1933. Entre a película de terror e o documental antropolóxico, “As Hurdes” é sen dúbida unha obra pioneira do documental bizarro. “Buñuel en el laberinto de las tortugas” de Salvador Simó -estreado recentemente en Netflix- así como a banda deseñada, describen moi ben a xénese desta obra, dende a súa sorprendente financiación ata a súa épica rodaxe. Hai moitos máis exemplos de documentais onde a realidade supera con creces a ficción. Obras como “Este perro mundo” (1962), “Resurrect Dead” (2011) ou algunhas películas de recoñecidos cineastas como Werner Herzog testemuñan que é o xénero seguiu vivo durante máis de medio século. Pero foi coa chegada das plataformas dixitais e das series documentais, que o documental bizarro atopou finalmente un espazo privilexiado para expresarse. Obras como “Wild Wild Country” (2018) ou “Tiger King” (2020), convertéronse en éxitos tan grandes que obrigaron as plataformas a apostar para este xénero.

Netflix é a plataforma de referencia deste tipo de produtos e en febreiro estreou outra xoia bizarra: “Gunther, el perro millonario”. Ao principio dos anos noventa, a condesa Karlotta Liebenstein, tras a morte do seu único fillo, decidiu crear un fideicomiso e deixar toda a súa fortuna de 80 millóns de dólares ao seu can, un pastor alemán chamado Gunther III. Posteriormente, o can e os seus descendentes, foron postos ao coidado do amigo próximo do seu fillo falecido, Maurizio Mian. Este último, descendente dunha compañía farmacéutica italiana, construíu unha vida de luxo ao redor da mascota. Chegou a comprar –os contratos asinábaos o can- un equipo de fútbol, a vila de Madona en Florida, varios jets privados, financiar dubidosos produtos discográficos. Todo isto non por gozo, máis ben cun extraño obxectivo científico: atopar a felicidade e mellorar a raza humana.

En catro capítulos de corenta minutos, a través de abundante material de arquivo, “Gunther, el perro millonario” pónnos diante infinitas bizarrías, pero sobre todo á reacción da prensa e do público a elas. Mais aló da historia do can herdeiro, está presente a resposta dunha enteira sociedade. Está a facilidade coa cal o maioría das persoas –medios de comunicación incluídos- foron capaces de dar por normal, durante mais de vinte anos, algo totalmente absurdo e ao límite da legalidade. A serie documental cumpre un traballo de investigación para averiguar en profundidade o que hai detrás de Maurizio, da súa extraña filosofía, e do papel do can Gunther en todo isto. Momentos ficcionados de forma convencional compénsanse coa frescura das entrevistas.

“Gunther, el perro millonario”, dirixida por Aurelien Leturgie, é unha serie documental que merece ser vista. É menos lograda con respecto a obras mestres como “Tiger King” o “Wild Wild Country”, pero ten o seu enganche.

Te puede interesar