Opinión

Matria

Fotograma de Matria.
photo_camera Fotograma de Matria.

Esta fin de semana, chega ás salas de cine Matria, a gran ópera prima de Álvaro Gago, seguramente entre as mellores películas galegas que se estrearon nos últimos tempos. É un proxecto que nace anos atrás, a partir dunha curtametraxe do 2017 co mesmo título, protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón e que tivo incluso un primerísimo impulso grazas ao micromecenazgo de Verkami. A curtametraxe recibiu múltiples recoñecementos internacionais, gañando, entre outros, o premio onde se estreou oficialmente, no Festival de Cine de Sundance. Esta nova longametraxe, producida por Matriuska -e que ten orixe nese primeiro traballo- estreouse con éxito na sección Panorama da Berlinale ademais de cautivar os espectadores e a crítica no último Festival de Málaga gañando dos galardóns: Mellor Interpretación Feminina Protagonista e o Premio Asecan a Mellor Ópera Prima.

O argumento vira arredor de Ramona, unha muller arredor de corenta anos atrapada nunha situación intolerable, sumida nun contexto laboral e persoal tenso e precario nun pobo da costa galega.

Matria é un perfecto exemplo do chamado “cine social”, ademais de ser un filme profundamente radicado nun territorio paesaxístco, humano e lingüístico entre Vilagarcía de Arousa e Pontevedra. En Matria hai unha dignificación do traballo, en especial das mulleres, contado cun rigor pouco común tanto no cinema galego como nacional. O que fai Álvaro Gago podería ser comparado ao traballo de grandes mestres como Roberto Rossellini ou Abbas Kiarostami, cunha sensibilidade facía á clase obreira cercana á de Ken Loach.

En Matria destaca o labor de Lucía C. Pan na fotografía, que experimentou algo diferente con respecto aos seus traballos anteriores. Neste caso, a cámara pégase literalmente á protagonista, facéndonos participes das súas emocións, dos seus cambios de humor e, en xeral, abrindo unha porta privilexiada, directamente ao seu espazo intimo e persoal. Apréciase que o director e o seu equipo, puxéronse ao servizo da historia e das personaxes. O espectador estará moi agradecido en atopar un filme autoral, sensible e cunha marca propia, pero para nada unha película pretenciosa ou autocelebrativa.

Na personaxe de Ramona veranse reflectidas moitas mulleres galegas. Ademais, a interpretación de María Vázquez é extraordinaria, chea de matices e non deixará indiferente a ninguén.

O final de Matria deixa a porta aberta a interpretación do espectador. Eu preferiro pensar que sexa positivo. Quizáis a marcha da protagonista sexa, en realidade, unha volta e cunha mirada renovada, liberada.

Te puede interesar