Opinión

Nápoles é...

Nápoles é unha cidade de contradicións, unha república cultural independente dentro dun estado oficial. «É unha tribo que decidiu non renderse á chamada modernidade», declarou Pier Paolo Paolini nunha entrevista durante a gravación do Decameron (1971). «Napoli è mille colori (Nápoles é mil cores)», cantaba o cantante partenopeo Pino Daniele. Napoli: non só Scampia ou Secondigliano, Gomorra ou os escenarios violentos descritos por Roberto Saviano. Tamén é o barrio alto do Vomero -que viu crecer ao cineasta Paolo Sorrentino– e o barrio vip de Posillipo, a zona máis elegante, con vistas espectaculares sobre o golfo e o Vesubio. A terceira cidade de Italia por habitantes é isto, e moito máis.

O director –iso sí, ‘napoletano doc’- Edoardo de Angelis, fixo unha transposición da novela homónima de Elena Ferrante, La vida mentirosa de los adultos, nunha serie de seis capítulos que se estrearon en Netflix. Unha obra que intenta facer confluír nunha única paisaxe, as cores distintas, a luz e a escuridade, a beleza e o lixo, a decadencia, a modernidade e a resistencia dunha cidade.

Ambientada na década dos 90 en Nápoles, a serie narra a transición dende a infancia á adolescencia de Giovanna. A rapaza está dividida entre dous mundos: o dos pais e das seus colegas dos barrios altos, e os suburbios onde vive a tía Vittoria. O Bildungsroman de Giovanna, a búsqueda dunha identidade, en realidade é unha escusa para contar a hipocrisía na que están envoltos os adultos nun espazo cheo de contradicións. A serie non escatima críticas sobre os pais da rapaza, descritos como prototipos de pijo-comunistas, e tamén polos seus amigos de partido. Algo máis indulxente resulta ser con Victoria e os veciños marxinais, aínda que acaba por desenmascarar o carácter depredatorio dalgún deles. Aos demais déixalle poucas posibilidades de salvación.

La vida mentirosa de los adultos transmite un magnetismo especial. Está construída sobre longos e fluídos planos secuencias, algo que non se adoita ver habitualmente neste tipo de formato. Alterna de forma abrupta momentos intensos, viscerais, a outros máis pausados e reflexivos, incluíndo longas actuacións musicais en directo que elevan a narración a un nivel simbólico. A ambigüidade que a serie chega a transmitir é a mesma que vive a protagonista, tratando de ter unha visión xeral sobre ela mesma e o mundo que a rodea. Centra a atención sobre as sinais diminutas da vida cotiá, os obxectos significativos e os pequenos xestos dos adultos que a rodean. Esta suxestión xéraa sobre todo Giordana Marengo, no seu debut absoluto fronte á cámara, que interpreta a Giovanna e que aguanta moi ben a confrontación coa veterana actriz Vittoria Golino no papel da histriónica Victoria.

Con La vida mentirosa de los adultos tamén estamos diante dunha serie imperfecta, quizais sobre todo polo intento pouco logrado, ao longo dos seis capítulos, de superar o localismo a favor dunha mensaxe universal. Por outro lado, non é unha serie para todos. Gustaralle aos amantes dos dramas familiares que buscan unha linguaxe máis evocadora e menos convencional. Mesmo aos que senten unha atración ambigua por esa cidade tan enigmática, peculiar e única: ‘vedi Napoli e poi muori’.

Te puede interesar