Opinión

Novidades dende a fronte

A Primeira Guerra Mundial foi unha guerra de trincheira. Hai películas que se aproximaron a ela, dende diferentes ángulos e perspectivas. La gran ilusión (1937) de Jean Renoir e La gran guerra (1959) de Mario Monicelli son filmes corais cun toque de comedia negra, que retratan o carácter absurdo do conflito. Johnny cogió su fusil (1971) de Dalton Trumbo ou Largo domingo de noviazgo (2004) de Jean-Pierre Jeunet céntranse máis sobre as consecuencias dramáticas da guerra. Outras obras como Senderos de gloria (1975) de Stanley Kubrick, o testamento cinematográfico de Ermanno Olmi, Volverán os prados (2014), incluso o longo plano secuencia de 1917 (1919) de Sam Mendes, a relatan desde o corazón negro da trincheira. Outros conflitos bélicos poderán quizais resultar máis tecnolóxicos e espectaculares, pero foi a través dos filmes sobre a Primeira Guerra Mundial cando o espectador puido mirar o horror con tanto realismo e proximidade.

Sin novedad en el frente (2022) de Edward Berger, estreada hai pouco en Netflix, inspíranse na novela homónima e antibelicista de Erich Maria Remarque. Cando o libro se publicou, en 1929, conseguiu unha boa recepción, aínda que, uns anos despois, queimouse publicamente nas xornadas purificatorias do Ministerio de Propaganda dirixido por Goebbels. O filme de Berger é a terceira adaptación da novela. Aínda con algunha variación con respecto á orixinal - e sen quitar nada as outras versións - é quizais a adaptación máis lograda. Ademais é a película que, finalmente, devolve a historia ao seu idioma orixinal, o alemán.

Durante a Primeira Guerra Mundial o cine serviu sobre todo como arma de propaganda, neste caso convértese nunha grandiosa metáfora realista e antibelicista. Un mozo alemán, xunto cos seus compañeiros entre 19 e 20 anos, decide vivir a aventura da guerra e, ao saír de clase, apúntanse como voluntarios. O destino será o Fronte Occidental, unha trincheira que se mantivo estática durante a maioría do conflito, cobrando o número máis alto de baixas -calcúlanse que 700.000 foron os mortos, só na batalla de Verdún. Berger deixa clara a realidade da matanza dende a impactante secuencia inicial. Mentres a banda sonora fai de contrapunto a esta engrenaxe macabra, o director infórmanos que non haberá cabida pola euforia ou polos idealismo insuflado da propaganda. En Sin novedad en el frente o conflito non ten nada de heroico ou agónico, nin sequera dende o punto de vista dos oficiais. É unha crúa masacre, e non solucionou nada. Ademais de 10 millóns de mortos, a Primeira Guerra Mundial deixou unha xeración de mozos supervivintes traumatizados, e unhas feridas abertas onde atopará terreo fértil o nacionalsocialismo de Hitler. Sin novedad en el frente, con crueza e sen efectismos, móstranos un único gañador: o horror.

Te puede interesar