Opinión

O caso Asunta

El caso Asunta
photo_camera El caso Asunta

O documental true crime está a vivir unha época dourada. En España, xa hai unha lista moi ampla de series que abordan, desde a non ficción, desaparicións e asasinatos. Lembramos a ¿Donde está Marta? da galega Paula Cons, El caso Alcásser de Elías León e Ramón Campos, Nevenka de Maribel Sánchez-Maroto ou Crims de TV3, só por citar algúns. Incluso a recente estrea en Netflix de El rey del cachopo de Román Parrado e El caso Sancho: episodio cero de HBO - este último gravado e montado en tempo récord, emitido antes da resolución xudicial – engordan este listado. Se no ámbito documental a produción serial de true crime é moi febril, na ficción española o drama criminal aínda é un xénero por explotar. De momento podemos facer referencia só a dúas miniseries exemplares, ambas en Netflix, El cuerpo en llamas creada por Laura Sarmiento e El caso Asunta de Ramón Campos, Gema R. Neira, Jon de la Cuesta e David Orea. Producida pola galega Bambú Producciones, esta última queda un chanzo por arriba da primeira.

El caso Asunta, en 6 episodios de 50 minutos, reconstrúe o que pasou o 21 de setembro de 2013 cando Rosario Porto e Alfonso Basterra denunciaron a desaparición da súa filla Asunta, cuxo corpo foi atopado horas despois a marxe dunha estrada nos arredores de Santiago de Compostela. A miniserie centrase sobre a investigación, relátaa de forma cronolóxica, mentres, paralelamente, o espectador vai descubrindo detalles sobre a vida privada da parella.

Candela Peña e Tristán Ulloa métense literalmente na pel de Porto e Basterra, conseguindo unhas interpretacións descomunais. En xeral, o guión benefíciase profundamente dos traballos dos actores, e non só dos protagonistas. Por isto hai que destacar as interpretacións sobresalientes de Javier Gutiérrez, María León, Carlos Blanco, Ricardo de Barreiro ou Machi Salgado. Incluso en papeis, por así dicir, ‘secundarios’, podemos notar o extraordinario talento dos interpretes galegos, como no caso dos personaxes caracterizados por Fernando Morán, Celso Bugallo ou polo ourensán Tito Asorey. Este último, por exemplo, consegue unha interpretación moi sólida e verídica, só a través da xestualidade, por un personaxe que ten moi pouco diálogo pero que se come a pantalla cada vez que aparece.

A maior, hai que destacar a dirección solvente de Carlos Sedes e Jacobo Martínez que conseguen narrar con moito coidado e riqueza de detalles os escenarios santiagueses, envolvendo dunha acertada luz gris e apagada esta turbia e dramática historia.

A miniserie non fai unha valoración moral, intenta manterse agarrada aos feitos, aínda a través da ficción. Seguramente esta produción é un fito importante dentro do panorama do drama criminal español.

Persoalmente, para ser absolutamente redonda, faltoulle un capítulo centrado sobre o punto de vista da vítima – Asunta, definitivamente, é a grande ausente desta serie. O de ofrecer ao espectador o relato desde este punto de vista, é algo que se converteu xa nunha costume nos true crimes realizados fora dos confíns de España. A serie Dahmer – Mostruo, foi quizais primeira que inaugurou esta tendencia. Pero El caso Asunta é igualmente para recomendar. É unha excelente miniserie. A primeira sobresaliente deste xénero e formato realizada en España, ademais onde luce especialmente o talento galego.

Te puede interesar