Opinión

Reescribir a historia

Está de moda levar ao cine a vida de personaxes históricas, de mitos populares, subvertendo as regras do biopic tradicional, modificando amplamente a realidade, xogando coa imaxinación. Ás veces faise enfocando a narración nun punto de vista demoledor. Blonde (2022) de Andrew Dominik, Spencer (2021) de Pablo Larraín ou en parte Elvis (2022) de Baz Luhrman, son algunhas das obras mais recentes. Aínda que, no pasado, apareceron xa exemplos magníficos como Amadeus (1984) de Milos Forman, que case reescribiu as vidas de Mozart e Salieri, ou María Antonieta (2006) de Sofía Coppola, que disfrazou a raíña de Francia de icona pop.

A recentemente estreada La emperatriz rebelde de Marie Kreutzer, volve sobre a vida e o mito de Isabel de Austria, xa contada na triloxía Sissi. Este novo filme reformula o último ano de vida da emperatríz, dende o seu 40º aniversario ata a súa morte – na realidade Isabel de Austria morreu con sesenta anos a man do anarquista Luigi Lucheni. Primeira dama de Austria, muller do emperador Francisco José I, Sissi é unha muller que intenta manterse dentro dos límites pechados do seu papel de emperatriz. Para satisfacer as expectativas, adopta un estrito réxime de xaxún e exercicios físicos pero asfixiada polas convencións da corte, a presión social e a constante falta de liberdade, a súa saúde mental comeza a resentirse. 

A anorexia, a bulimia, e a depresión acompañana durante o seu reinado. Ata os sobresaltos do seu carácter rebelde rematan por ser diagnosticados como unha enfermidade e tratados con heroína. A Sissi de Kreutzer é unha emperatriz moi lonxe das películas da Hollywood dourada de Ernst Marischka e ten algún trazo en común coa muller desencantada - sempre interpretada por Romy Schneider – que aparece en Ludwig (1973) de Visconti. Mesmo, esta reescritura é moi distante da icona pop descrita por Sofía Coppola en María Antonieta. Aínda que La emperatriz rebelde inclúe temas de Chris Kristoffelson e Rolling Stones - como xa fixera Sofia Coppola na súa versión sobre a raíña de Francia, habería que facer unha comparación a algún movemento relacionado coa música a emperatriz rebelde de Kreutzer podería ter, como moito, algún vestixio grunge.

A actriz Vicky Krieps, que gañou o Premio á Mellor Interpretación en Un Certain Regard de Cannes e, a semana pasada, o de Mellor Actriz no European Film Awards, confecciona un dos seus mellores papeis da súa prolífica carreira. Xunto coa directora deconstrúe o mito moi popular – sobre todo polas películas de Marischka - achegándose máis a esencia orixinal do seu relato. O filme retrata a horrorosa frialdade do cotiá, o aburrimento e a frustración dunha muller prisioneira do seu propio destino. O título orixinal do filme, Corsage (corsé) é máis acertado e subliña o papel dunha muller asfixiada por cumprir as expectativas da sociedade que a rodea e que, a vez, intenta exercer un control aparente sobre o único espazo de liberdade que lle queda: o seu propio corpo.

La emperatriz rebelde é unha película sobria e melancólica. É un filme que entra nos ollos discretamente, lentamente, como a marabillosa música de Camille que o acompaña. Pero ten unha intensidade moi especial. Despois do seu visionado, as imaxes quédanse na memoria, para volver a brillar con máis forza.

Te puede interesar