Opinión

Thor: unha comedia divina

O actor Chris Hemsworth, nunha recente entrevista do crítico Luca Barnabé para Rolling Stone, describiu moi ben o ambiente de traballo da rodaxe do novo capítulo da saga do Deus do Trono de Marvel: “Traballar con Taika significa entrar nun magnífico, estupendo, caos. Hai música a tope no plató, el pasa o tempo detrás da cámara, rindo constantemente... Hai unha liberdade extrema e un entusiasmo contaxioso”.

Esta mesma alegría e travesura, agora traspasa a pantalla grande chegando ao espectador. “Thor: Love and Thunder” é unha película libre, excéntrica e desenfreada. Cun orzamento estelar, arredor dos 185 millóns de dólares, Waititi non tivo reparo en desbordar a súa creatividade en todas as cores e direccións. O cineasta abraza a comedia coma na anterior “Thor: Ragnarok” (2017) aínda que nesta nova aventura, o humor demencial e a acción voan ao ritmo do hard rock oitenteiro.

Os oitenta, os anos de formación do cineasta, están moi presentes. Escóitanse nos temas da súa banda de música preferida, os Guns N’Roses, ademais de verse no decorado e na tipografía dos créditos. “Thor: Love and Thunder” é, en certa medida, herdeira do “fantasy” demencial daqueles anos, de “La princesa prometida” (1987) ou “Dentro del laberinto” (1986). Igualmente podemos atopar a mesma fantasía enxeñosa das anteriores longametraxes do cineasta. Os elementos propios do drama escóndense debaixo das capas dos nosos superheroes. E ao igual que en “JoJo Rabbit” (2019), a traxedia está filtrada por unha mirada inocente, infantil.

“Thor: Love and Thunder” non se toma nunca demasiado en serio, nin sequera non seus momentos dramáticos. A parodia é outra marca distintiva da película. Incluso a autoparodia, ben representada na simpática escenificación da obra de teatro na íncipit do filme. É unha caricatura levada ao extremo e, malia isto, as risas non quedan no puro goce. Conseguen un resultado moi demoledor. Sobre todo no relato do director sobre o egoísmo dos deuses e, en xeral, sobre o concepto das crenzas. Segundo Waititi “as relixións só crean problemas”, e neste filme, aínda baixo os tons da comedia, o concepto está ben explicitado.

Chris Hemsworth volve dar vida a un Thor máis cachondo que nunca e, como novidade, Christian Bale interpreta o seu antagonista, un escuro supervilán, o Carniceiro de Deuses. Este capítulo da saga marca tamén o regreso da doutora Jane Foster (Natalie Portman), que renovará o seu romance co protagonista compartindo martelo no campo de batalla. Unha mención especial vai para os personaxes secundarios como a Reina Valquiria (Tessa Thompson), Korg, unha parella de cabras chillonas, ou Russell Crowe que interpreta a Zeus. Na versión española, este último personaxe ten a voz de Jordi Boixaderas, o dobrador de Berlusconi en “Silvio y los otros” (2018) e isto dálle involuntariamente un engadido cómico a toda a secuencia. Dentro da pobre programación das salas do cinema comercial no verán, “Thor: Love and Thunder” pode ser unha entretida opción para toda a familia.

Unha última recomendación; non deixedes a sala antes do final, hai dúas escenas poscréditos.

Te puede interesar