Opinión

O triángulo da tristeza

Con El triángulo de la tristeza, o cineasta sueco Robert Östlund pecha a súa peculiar triloxía sobre a masculinidade. Se en Fuerza Mayor (2104) a acción se situaba nunha estación de ski nos Alpes, en The Square (2017) a diana era o mundo da arte contemporánea, neste último filme o cineasta decide relatar sen medios tintes o naufraxio das clases privilexiadas. Carl e Yaya son unha parella de modelos e influencers, convidados a un cruceiro de luxo con outros ricos invitados. Unha tormenta cambiará o rumbo da viaxe e o papel de cada un dos superviventes terá que adaptarse fronte as novas circunstancias.

El triángulo de la tristeza é unha película en tres actos que confirma o talento corrosivo do cineasta xa evidenciado nos seus filmes anteriores. A reflexión sobre o mundo da moda e o valor da beleza como moeda de cambio, son un engadido ao seu discurso que ao igual aquí non escatima críticas punzantes sobre a sociedade dos mais privilexiados. Östlund, outra vez ponse no papel do cabalo de Troia, meténdose no mundo dos superricos, relatando dende dentro o naufraxio do capitalismo. Pero non se limita a isto. Tamén nos demostra a falsa utopía do comunismo e a falacia da sociedade matriarcal. Todo isto precipitando as súas personaxes en situacións ao límite do absurdo e torturándoos con sobredoses de humor cínico. Cada momento no que o filme aparenta querer transcender a un discurso filosófico elevado, chega unha frase, un xesto, unha escena que o fai rebentar e o devolve á terra. A secuencia previa ao naufraxio é o máximo exemplo disto. Unha explosión de merda e vómito que recorda a La gran comilona (1973) de Marco Ferreri, outro filme que foi unha oda irreverente ao hedonismo da burguesía.

No capítulo da illa, Östlund ofrécenos unha versión actualizada de El señor de las moscas con ecos de A illa dos famosos. Tamén alí, asistimos a un envorco da historia, vivimos a ilusión inicial dun posible cambio que pouco a pouco vai esmorecendo. Ningunha das personaxes se salva e o retrato da humanidade que o cineasta deixa en evidencia ao longo do filme resulta bastante penoso, triste. Os intérpretes son todos sobresaíntes, dende a parella de modelos formada por Harris Dickinson e Charlbi Dean, pasando por Zlatko Buric no papel do magnate do abono, a Dolly De Leon no de Abigail e Woody Harrelson no do capitán do iate. Todos representan brillantemente un fragmento dunha sociedade na cal, desafortunadamente, non podemos evitar de reflectirnos.

“Unha risotada enterrarávos” é unha frase erroneamente atribuída ao anarquista Bakukin e que utilizaron os situaccionistas italianos nos anos setenta. É un eslogan supostamente revolucionario que podería ser unha advertencia perfecta para o espectador antes de entrar na sala. É a declaración de intencións do cineasta.

Te puede interesar