Opinión

Un conto de criadas

O conto da criada, a serie protagonizada por Elizabeth Moss e inspirada nas novelas de Margaret Atwood, non é unha distopía. Gilead existe e atópase en Short Creek, Arizona. A última docuserie de Netflix, Sé dócil: Reza y obedece, analiza o ascenso de Warren Jeffs dentro da Iglesia Fundamentalista de Xesucristo dos Santos dos Últimos Días. Orixinario de Salt Lake City (Utah), o grupo fundamentalista separouse da Igrexa Mormona oficial a principios do século XX. Os adeptos querían seguir practicando a poligamia que, segundo eles, era a forma máis directa para gañarse o paraíso. Rulon Jeff, a guía espiritual do movemento, tivo 24 esposas - algunha delas menor de idade - e a súa filosofía profundamente machista e irracional sentou as bases para o que vino despois. Aínda que a comunidade defendía a crenza de que o amado líder era destinado a vivir eternamente, en 2002 a Jeff tocoulle morrer como un ser humano calquera. O seu sucesor, Warren - ao parecer o fillo menos brillante dos 60 que tiveron as esposas de Rulon - colleu o poder autoproclamándose profeta. Primeiro casou coas súas nais e despois inaugurou un reinado de terror apocalíptico que perdura ata o día de hoxe.

As docuseries, nestes últimos anos, están a regalarnos verdadeiras xoias sobre o universo das seitas, entre o corte terrorífico, bizarro ou surrealista. Wild Wild Country (2018), El Juramento (2020), Holy Hell (2016), Niños de Dios: perdidos y encontrados (2017), son algunhas das series documentais que investigaron desde diferentes perspectivas aos cultos sectarios e ao fanatismo relixioso. Desde o punto de vista estético moitas delas puideron contar cunhas imaxes valiosas, con horas de material audiovisual gravado desde dentro. Tamén é o caso de Sé dócil: Reza y obedece. As directoras Rachel Dretzin e Grace McNally contan o horror desde as vísceras, facendo un amplo uso do material gravado polos propios membros da seita. A experiencia polo espectador fanse canto máis inmervisa, incómoda. A isto hai que engadir as historias reais das mulleres que conseguiron liberarse desa terrible cadea. As entrevistadas axudan a entender a manipulación, o lavado de cerebro que se cumpría dentro da seita. En paralelo se dan a coñecer os horrores e os abusos que tiveron que pasar as mulleres moi novas, nunha comunidade baseada sobre o patriarcado teocrático. O lema da seita, o de manterse ‘dócil’, é algo que se repite constantemente ao longo dos catro capítulos, desde as oracións do líder ata os cantos dos nenos, como un leit motiv sonoro nunha película de terror. En xeral, todo o que se conta nesta docuserie é bastante repugnante aínda cando aparecen fotos de caras riseiras e cóntanse historias sobre os afectos filiais.

Con respecto ao documental Prophet’s prey (2015) que investigaba a mesma seita, esta docuserie ten o punto de vista enfocado sobre as mulleres. Directamente desde as palabras das entrevistadas, o espectador dase conta de como a muller era reducida literalmente a gando e utilizada por Jeffs e os outros feligreses masculinos como obxecto de cambio.

No 2011, Warren Jeffs foi procesado e condenado a máis de 20 anos de cadea perpetua por pedofilia. A xustiza chegou tarde e non fixo moito máis - el parece que segue exercendo como líder desde o cárcere: Así Sé dócil: Reza y obedece é un ‘conto da criada’ para nada distópico. Vai sobre unha comunidade teocrática-patriarcal do Século XXI que, aínda que pareza incrible, en EEUU segue prosperando no día de hoxe.

Te puede interesar