Opinión

Política en maiúsculas

Case pasaron dous anos dende as derradeiras eleccións municipais e se tiveramos que facer un balance dos avances na cidade de Ourense, sobrarían follas para anotar acertos.

Un total desgoberno dende o comezo da lexislatura, cheo de ambicións de poder, que deixaron atrás ó partido máis votado, para intercambiar trofeos, sen pensar uns na cidade e outros na provincia. E de aqueles polvos, estos lodos. A terceira cidade de Galicia, suxeita ó total abandono. 

Tras o vago intento dunha moción de censura, o Partido Popular, semellaba querer destronar a aquel a quen lle cederan o trono, e aceptaron, sempre que mudase o cabeza de lista do Partido Socialista.

E chegou o día no que Rafael Rodríguez Villarino, decide facerse a un lado, se iso serve para facilitar o cambio na cidade de Ourense. Un acto de valentía que amosa outra maneira de facer política, ante constantes liñas vermellas. Compromiso fronte ambición.

Unha maneira de dar exemplo de que, tras longo tempo de loita contra o constante despropósito, o que importa non é a polémica e o poder. Un feito no que con humildade pon enriba da mesa o verdadeiro papel que ten o político de a pé: servir e colaborar, tendendo pontes para chegar a acordos coas outras forzas. Todo o demáis, sería fume.

Un simple acto que dibuxa a vocación de servizo dun cargo público que traballou e traballa a prol dos e das cidadás. De firmes conviccións, amosa fortaleza fronte a soberbia e a imposición.

A rebeldía só ten sentido cando suma, aporta e fai por avanzar, por iso sempre será un honor poder traballar na mesma formación política que Rafa, aportando xuntos unha visión progresista que aposta por un Ourense mellor.

Moitas veces, o instinto de supervivencia política advirte dos perigos e riscos de actuar por conta de un mesmo, pero sen dúbida gaña en acerto, superando o conformismo e a comodidade, sendo poseedor dunha conciencia cívica de traballar arreo polo ben común. 

Aquí non hai perdedor, só exemplo de compromiso e saber facer, cunha proposta clara de sacar á cidade do bloqueo que está a vivir, unha aposta de por en marcha o cambio que queren os ourensáns para seguir avanzando.

É esta unha clara lección de bo facer que brinda a oportunidade de desterrar da vida pública o engano e o constante insulto. A pelota está en outro tellado. Ogallá non aparezan maiores obstáculos oportunistas.

Sempre é bo recordar e ter presentes aqueles versos que nos falaban da necesidade de “tomar partido ata marcharse”. Unha decisión a altura dun gran político, que fai máis grande ao PSdeG-PSOE.

Grazas sempre Rafa.

Te puede interesar