Opinión

Alexandre Bóveda, lección pictórica maxistral de Castelao

Está entre nós "A derradeira leición do mestre", significado cadro político de Castelao. Dende os primeiros días de marzo preside a antiga biblioteca do Pazo Provincial dende o seu lado norte, cal estrela Polar. Como se dun faro se tratara, con Benito J. Feijoo e Concepción Arenal por tras, na parede, e V. Lamas Carvajal e M. Curros Enríquez na entrada do recinto. Están o seu carón as cinsas de Rodolfo Prada e Manuela Fraga, a súa dona, chegadas como o cadro dende Buenos Aires. Noutra vitrina-cofre, conferencias e discursos de Prada, galeguista natural dos Peares, comparten espazo con «Alba de groria», o célebre discurso do polígrafo de Rianxo, a primeira edición do seu libro «Sempre en Galiza», e unha bandeira galega: son a esencia de ‘Castelao e Prada ¡irmaus!’, reivindicativa exposición pictórico-bibliográfica. No folleto ilustrado que a acompaña, hai un texto, "De Baires a Ourense, con billete de ida e volta", firmado por Luís González Tosar, quen escribe como "unha mañá do inverno austral de 1944 en Buenos Aires" Prada visita a Castelao con Domingo Maza, escultor, que está a facer un busto de Bóveda en bronce segundo un debuxo daquel, para o Día dos Mártires Galegos do 17 de agosto seguinte, día festivo. Aquel proponlle facer un gran óleo que o acompañe dende a estampa sexta do seu cartafol de guerra «Galicia mártir» realizado en Valencia en 1937, "A derradeira lección do mestre", que acepta. É unha dobre iniciativa da Irmandade Galega, o Partido Galeguista en América, e moito máis, claro está... 

Castelao acomete o encargo moi minguado da vista naquela altura, e forzas, mais con entusiasmo. Dende que debuxara o "Álbum Nós", a súa primeira obra de empeño, leva ás costas o caricaturista, o ilustrador e grafista, e o pintor, abano dun artista consciente no que se desenvolveu. A súa visión plástica ínzase no contexto da Art Nouveau ou Modernisme, a admiración por Valle Inclán e a amizade con Xesús Corredoira, Carlos Sobrino e Camilo Díaz Baliño. Mais as doenzas graves na vista xa dende 1913 foron decisivas para a súa pintura, e para a súa profesión.

A obra-símbolo do Castelao das leccións de Goya e Raemarkers, minimamente cambiada respecto do debuxo, presenta a dous nenos con camisa clara ao xeito dos Fusilamentos de Goya en actitude de homenaxe dolosa ao lado dun home novo morto, a carón dunhas poderosas vimbieiras que semellan pernas nun pequeno outeiro con un tobo. Chámalle mestre, Castelao, dende o título. Éo, pois iso foi Alexandre Bóveda, que é de quen se trata. Mais, "¿Quen foi Bóveda? I eu diría: Leede o Estatuto Galego i en cada unha das súas palabras veredes latexar o esprito, a intelixencia, a vontade de Bóveda; lembrade os mil incidentes que precederon á celebración do plebiscito estatutista e veredes que Bóveda foi o heroi de tódalas xornadas", falou Castelao no ‘Funeral civil a Bóveda’. E engadiu "pensade no retorno á legalidade e ao orde democrático, cando en Galiza brile o sol da liberdade... i entón veredes que o nome de Bóveda será a nosa bandeira"...

Te puede interesar