Opinión

As teimas de Rivada

A súa proposta plástica, nas salas de exposicións municipais da Rúa Lepanto, amosa no combinar pezas escultóricas e cadros un sentir dramático. A vida en esencia é cambio, e o mundo muda. Así, van os tempos, sempre iguais e sempre distintos. Cando os cambios bruscos aboian falamos de revolucións, mais estas non son mais que a resposta ás obstrucións no fluxo, e o roncar das ondas...

Os peixes transxénicos, dende a escuridade dun proceder industrial contra natura, transmutaranos de xeito irreversible a peor: Eis a denuncia social do artista, co metal con soldadura á vista. A achega plástica dun torso pétreo feminino supón unha luz de esperanza. Na escultura de parede abre o tema noutras direccións do cadro con decisión, dende o espeso do volume e o rudo da súa materia, con teas empastadas e metais en relevo. A súa pescuda apaixonada e vehemente deixa ver o sangue e a dor da vida, expresada en todas as súas aventuras plásticas, mérito seu. Xosé L. Gómez Rivada (Verín, 1953), emerxe artista dende a profesión do pai máis co apelido da nai, logo dunha dura infancia na vila capital do Val do Támega, indo moi novo a Bilbao, e nos anos seguintes a Barcelona, Madrid e outras cidades españolas, para cambiar de continente ancorándose nos oitenta a México, e regresar a España, logo do terremoto no D.F., e instalarse en Vigo nos anos noventa.

uploaded_lim_resultDende esta década, despega a súa actividade con presenza en certames, e colaboracións gráficas en libros de verineses como Caneiro (1997) ou Edelmiro Mateo (2006), esculturas públicas (Tui, Vilardevós, Verín). As exposicións na compaña do pontevedrés Armando Martínez, co quen xa compartira as salas do municipal en 2005, ata a máis recente no Ateneo, todas da man do periodista Antón Alonso. O catálogo converte a anécdota do usual retrato do artista nunha categoría, pola inflación corporal, unha ostentatio persoal. Máis, para nós, son as erratas do texto, e a carencia de referencias técnicas nas obras reproducidas nos pés de foto, un lastre para estes ‘Pensamentos fuxidos’, primeira exposición, no tempo, da nova etapa municipal, que pasará á intrahistoria da cidade como a primeira e a derradeira do Concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán.

Esta mostra artística no Municipal de Ourense ocupa as dúas plantas principais, un proceder constante dos responsables do espazo expositivo dende fai anos, logo de mudar o costume de facer unha en cadansúa. Elo obriga aos artistas a encher os espazos, co que amosan as eivas do discurso na dispersión... Na base está o libro-catálogo como tótem. É a xustificación do exceso como paradigma. Así ten sido en todos cantos teñen exposto, dende Veiras, ultimamente, ata Vidal e Santeiro nos últimos tempos, entre outros. Xa que logo unha exposición ao redor de 16 e 25 obras é dabondo para expresar un concepto, idea, ou unha panoplia de intencións. Semella unha oportunidade, no inicio dos novos tempos municipais, a reformulación do catálogo, e o formato, na busca de respostas que non sexan nostálxicas ou obsoletas.

Te puede interesar