Opinión

XOSÉ CONDE, POETA E PINTOR

Estiven de neno no lugar de A Barca, na marxe dereita do Miño, augas abaixo do Barbantiño. Paraba o tren camiño de Vigo, había viño nas bodegas e Cuartel da Garda Civil. Pasei alí uns días con meu padriño e a súa familia, e delo teño un recordo breve, fuxidío, mais de ledicia naquel tempo da estrea da nova parroquia de Santo Antonio de A Barca, que erixira Monseñor Temiño. Teño estado logo varias veces contemplando a arte das casas e das obras relixiosas a carón do lento fluir das augas. De achegarme ata o cemiterio houbera podido ler este epitafio poético:'Estuve allá, estoy aquí perdido./ Premioso anduve de una a otra ribera/ buscando siempre el canto presentido'. Xosé Conde Fernández (1918-1990) nos fala a modo de confesión da súa biografía aquí e na emigración bonaerense, a ámbolos lados do Atlántico. Mais é agora cando o podemos coñecer da man do presidente do centro Pen galego González Tosar, quen promove a publicación dunha ampla escolma da súa obra en galego: 'Ausencias, soños e rebeldías', selección da autoría do seu amigo Víctor Campio e de Edelmiro Vázquez Naval.


Foi Conde un poeta que comezou a escribir cando moraba en Arxentina, publicando varios libros tanto en castelán como en galego. Deu tamén en pintar, sendo admirado neste eido por Alberto Castro Couso, e Laxeiro, dende a súa testemuña expresiva como poeta. Aquel conseguiu que aceptase expoñer en 1969 na súa compaña; e xuntándose con Ana Pasarín e Mario Rimondi fixeron a mostra na Galeria Lucense, da que era director, que titularon 'un poeta que pinta, tres pintores que escriben'. Conde, coa paleta que lle regalara o pintor de Lalín, comezou a pintar daquela tamén nas propias casas nas que viviu, e debuxando nos libros que lle prestaban, o que fala dunha paixón expresiva voraz. Eis un mundo de imaxes que se debería analizar.


Na edición que ve a luz, editada pola Deputación e Novacaixagalicia, vese na capa do libro unha obra ó óleo títulada 'Figuración' datada en 1982, e que firma co seudónimo de 'Barqueiro'. Este ano xa vivía en Ourense, rodeado do afecto e admiración de Alvarado, Ramón Area, González Ananín e Campio, segundo narra este último na introducción. En 1981 saíra nas Edic. do Castro o seu único libro publicado en Galicia, 'Os meus cantiles'. Segundo, director de la 'Hoja del Lunes', contou con íl para publicar cada luns un soneto. Ananín, o seu amigo dende a época de Buenos Aires, quen o acolleu na súa familia cando estaba moi doente ata sandar, ten escrito tamén sobre il. No tempo das festas maiores, e do viño tinto, sería de lei un brinde público polo poeta recuperado que revive para a Terra Galega dende o camposanto da súa amada terra da Barca de Barbantes.

Te puede interesar