Opinión

Alvarado, no xardín das letras

Son as letras galegas as escritas en galego. E tamén as escritas desde o corazón galego, aínda que se faga en idioma castelán. Non, posiblemente, dirán uns. De seguro, dirán outros, menos inflexibles. Alvarado, un grande amigo meu, Segundo Alvarado escribía en castelán pero tamén o facía en idioma galego.


No xardín das letras Segundo Alvarado era feliz, máis a súa querencia era teatral, de director e fondo lector, e mais aínda de amante da música. Lembralo hoxe, nos días conmemorativos que veñen da festa das letras galegas é lembrar o mestre da distancia curta cada mañá durante anos no diario La Región. E tamén o administrador de eloxios e mutismos no tocante ás crónicas das exposicións artísticas. Estes eran,en moitas ocasións, como as pausas musicais dos concertos que gustaba en escoitar.


Lembralo hoxe é o recordo do home aínda vivo ata fai pouco mais dun ano, que sentía curiosidade polo todo o que atinxe ó mundo da cultura, e do fútbol tamén, da súa cidade. Lembralo hoxe e revivilo para todos nós, que o coñecemos e apreciamos, desde o ser, e tamén desde a poesía.


Como tamén ponderamos estes días a outros, desde a poesía e as letras. Cómo Álvarez Blánquez, o inventor dun canle segredo (eira de pan lareira fondo puzo, escribiu) no ano 1954. Nestas datas estaba a recibir o Adonais o ourensán José Ángel Valente polo libro de significado título ‘A modo de esperanza’, obra en castelán. Aquel tivo menos sorte pois o seu libro, pese a ser premiado co Eduardo Pondal polo Centro Galego de Buenos Aires, non se publicaría ata 1976, perdéndose así o contexto histórico e sociolóxico no que fora concibido.


O fillo do médico pontevedrés Álvarez, estaba vinculado a Ourense desde o seu ser miñoto de Tui. Nesta liña fundou a editorial Monterrei, en memoria daquel mítico e histórico Gonzalo Rodríguez de la Pasera, impresor de orixe asturiana instalado en Monterrei que co editor Juan de Porras é o autor do ‘Misal Auriense’, a primeira impresa en Galiza no ano 1494. Do que sabemos por Odiozola e o crego Rey Soto, e sobre todo por Alfonso Prada. Mais será, sen dúbida, a amizade co celanovense Celso Emilio Ferreiro a razón da súa querencia por estas terras. Madre, a San Treeçon irei, escribira con fondo humorismo no libro con colofón do día das letras de 1953, facendo que atopara un anónimo cancioneiro de Monfero do século XIII, nas terras do mosteiro do Cister.


Máis en serio foi o Romance do pescador pelerino, que ben sona desde este xardín das letras que está florecido no presente mes de maio. E que nos fai lembrar, que hai que coidalo con moito mimo, para que non suceda como ocorriu no caso daquel xardín de San Roque de A Pobra de Trives, desaparecido estes días.



Te puede interesar