Opinión

Baltar, o pequeno artista que se fixo grande co Belén

Arturo Baltar baixaba sempre a Ourense no mes do Nadal. Virámolo ou non, que el tiña as súas horas, e lugares. Adoitábamos vernos, sabedores de atoparmos arredor das datas da apertura do seu Nadal na antiga capela de San Cosme e San Damián, na praza do seu nome, mais coa inauguración do seu Museo na casa ao seu carón, comezou a deixarse ver menos. Iso pasoulle tamén co Ateneo na Torre, un dos lugares par falarmos. Devecían os vellos espazos de xuntanza, e tamén os amigos, como Virxilio, que se foi máis alá do sol e a lúa e a súa casa no planalto de Tamallancos quedou baleira.

E cada vez máis tamén as Romerías da contorna, as que acudía no día, para a festa de San Antonio, facéndose Neno Eterno no seu colo, a de Santa Mariña, ou á de Santa Marta; e a de San Brais, avogoso para os males da gorxa, íl que sempre que podía poñía pano de cores no pescozo, entre a camisa e o sorriso... Arturo Baltar e Santos, perpetuo peregrino sen camiño, porque os coñecía todos. Coñecía tamén, e moito, o vello Ourense, e as súas contornas e as xentes, sendo amigo do culto e elegante Chaviñas, que gastaba galana capa, e doutras, como a Nonó ou a Noalla, esta con taberna na rúa Pelayo.

Neste ramo tivo sempre en alta estima a do Rionegro, na aba sur de Montealegre, tan soleada... Como esta tarde na que será enterrado no camposanto de santa María da Barra de Coles. Gustaba que o xardín semellase natural, ambiente do que se lle pegou a eterna xuventude, malia ter 568 anos, esa inmortalidade ensimesmada como lle dixo unha tarde de 1991 Jaime Quessada en Lucenza. Xardineiro con casa que arrecendía a glicinias e noces, Arturo Baltar entronizábase cada mes de Nadal entre nós. Este tamén o fixo, máis desta volta foi cara o ‘Señor da seguranza / tan devecido en Belén / enxerta fe i-esperanza / no barro que non se ten’, como lle cantou Abelardo Santorum. E Valente: ‘Bandeiras sulagadas / Noite / e señardá. / Latexa o verbo’. Arte maior para o derradeiro esmorgante...

Te puede interesar