Opinión

Basallo e Tamara Feijoo, on road

En Ourense viven e fan as súas obras, Ignacio Basallo, que está a expoñer en Santiago; e tamén Tamara Feijoo, que vai estes días á Feira JUSTMAD da man da Galería Marisa Marimón, abandeirada na nosa cidade da arte nova, e dos máis anovadores artistas. Aquel dende a súa ampla bagaxe, consagrado artista como é, esta unha creadora que anda polos trinta, cada vez máis sólida e asentada: dous dos máis salientables artistas, entre nós das súas xeracións... A galería ourensá acude por terceira vez, esta semana final de febreiro, e presenta obras de dúas artistas galegas, ‘Renacer’, da viguesa Eva Díez, proxecto fotográfico-poético que contrasta escuridade e luz, con insinuacións de misterio e soidade nos planos intermedios. O proxecto, que foi premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2015, convertido en libro foi dado a coñecer en Ourense nun acto do que dimos conta nesta columna semanal. Tamara Feijoo é unha gran debuxante, e deseñadora, que ven de facer a portada do último libro de Manuel Rivas.

Levan as galeristas as súas series ‘Accións para perdurar un instante’, ‘Nocturnos’ e ‘Xeometrías Imprecisas’. Neste abano se vese a súa evolución dende as follas de papel vello, tan escasas, e de formato pequeno, ata outros soportes como a táboa, e novos elementos expresivos, caso do pan de ouro e o gouache. O bodegón clásico hispano, e a pintura flamenca, teñen axudado a desenrolar os temas, nos que latexa una fonda sensibilidade explicitada dende a escala, e a modulación do espazo, que a artista abre por vez primeira dende a coloración tonal dos papeis superpostos. Tamara Feijoo é para elas unha escolla dende a exposición que fixera entre maio e xullo de 2014. A beleza dende o devalar do tempo. Este é JustMad, feira de grande variedade, entre as outras (ArtMadrid, Room Art Fair, Drawnin Room, We Are Fair, Casa Leibniz, proxecto revelación do pasado ano) da Semana da Arte na capital do Reino con ARCO’16, na trixésima quinta edición, centro da Galaxia Arte.

Sempre Basallo

Sempre Ignacio, na Fundación Torrente Ballester de Santiago, con obra ideada para esta exposición. Un abano tripartito, que está no cerne do discurso que lle escoitamos pronunciar no Paraninfo do Otero Pedrayo de Ourense, no canto de ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes: unha das súas esculturas á entrada, trabe vertical pulida e queimada, con brazos-símbolo home/muller; esculturas abstractas na parede, ambiguas, como trofeos de caza, de materiais maleables que, coa complicidade do espectador, semellan... Nesta liña están os pequenos collaxes sobre panfletos, cartóns industriais que organiza sen condicionantes previos, cosidos a máquina, uns singles, outros dípticos e trípticos, que amosa por primeira vez.

Dende a madeira, constrúe pezas escultóricas en desequilibrio aparente, nunha poética interrogativa e, sen rexeitar os residuos dos materiais, tacos ou serraduras, vai facendo esas cousas inútiles que chamamos Arte, que non nos van sacar da crise, dixo nalgún momento o artista, mais tan necesario como o ar que respiramos. Como os debuxos que fai o vento coas nubes da choiva. Levan Ourense.

Te puede interesar