Opinión

Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane, o paraíso dende as frores

Unha exposición une a dous amigos, Belén Padrón (1976), artista nada en Oviedo, e  o ourensán Xosé Carlos Seoane (1967). Ela dende Pontevedra, el en Salamanca, onde traballan dende hai anos. Ámbolos móvense no amplo fenómeno da emigración, achegándose dende que coincidiran nun taller de Luis Gordillo; e da participación en colectivas, caso do Gabinete dun afeccionado en 2013 neste mesmo espazo de Ourense. Dende ese título, obra de George Perec, até o de agora, inspirado en "El paraíso en la otra esquina” de Vargas Llosa... Belén Padrón sinte dende moi cedo na súa biografía como filla de galegos emigrados a saudade, pois logo de licenciarse en BB.AA. en Pontevedra acadando premio extraordinario, traballa en Porto ou mesmo na Arxentina, e tamén en Cuenca e Lanzarote.

Achábase nesta illa das Canarias cando recibiu o encargo de ilustrar unha escolma poética de Rosalía co gallo dos 150 anos de Cantares Gallegos, faciana que a completa como artista plástica. En 2015 xuntáronse en Salamanca, onde reside Xosé Carlos dende fai catro lustros, para expoñer en "La Salchichería", do que xurde este proxecto de agora, que se estende nos dous andares expositivos municipais da rúa Lepanto. E se alí eran "Figuraciones nuestras" neste caso concrétase en "O paraíso nesta esquina". A montaxe reflicte o elaborado do seu plan pois o ourensán, con obras de pequeno formato, gusta de xuntar varias para acadar unha composición, como nos Tableros, que van das catro pezas ás dezaseis; e Padrón, por contra, traballa con tamaños grandes. Nelo vemos unha alteridade, e unha harmonía que aboia por veces con sutil ritmo binario, como no referido os enmarcados, necesidade da praxe de Xosé Carlos e algo máis alleo no caso de Belén. Como o livián e sutil nos papeis que aquel utiliza, fronte ao sólido das teas dela nos bastidores. Mais son as frores, pintadas ou inseridas nas obras, segundo o caso, as que cosen a exposición. E o debuxo, mais evidente nel, e de base nela. Pintura e construción que collen vida dende un xardín, que iso foi o paraíso en orixe.

Belén Padrón rescata algunha obra desta temática de anteriores propostas, caso de El mundo perdido, de 2015 en Compostela e Monforte, ou Na beira do rio, diálogos na pintura, o ano anterior, en Pontevedra, feita con Dolores Gálvez. Algunha illa de absoluto, o mundo perdido, agocho para unha bolboreta ou xardín con estanque remiten aos seus mundos irreais con capas de pintura sobre unha base de debuxo a man alzada, ficción do espazo poético dende estados de ánimo. En Seoane son obras que ameazan de pasar dende a potencia do debuxo ao acto do óleo gran formato, mais o artista prefire non transcender, quedándose no fértil terreo da inmanencia. O seu é un proceso por adicción, engadindo materiais planos con diferentes texturas, co figurativo debuxado como referente. As mil e unha frores, con 24 cadros, ou o proxecto auriculares, con pétalos engadidos, unha presenza real que remite a unha ausencia, golpe recente da Parca que tamén sentiu a artista, e converten a exposición nun memento mori dende a arte.

Te puede interesar