Opinión

De Catoira a Cuíñas

Catoira’ está a amosar as súas obras en Visol nunha exposición que son dúas. Iso é ‘Dos Biosbardos e outras esencias’, segundo se conta dende o título. Dentro, o artista responde colgando doce e doce, de cadansúa .Para as Esencias, nas que estivo a traballar nos últimos dous anos, prefire o pintor expresarse co óleo. Abstracción suxestiva, con unha vena de cromatismo intensa, en bandas de cores por veces xeométricas, fragmentarias outras, na busca do equilibrio interno da obra que, para íl, será como poemas ou capítulos de libros.

Nunha entrevista falaba de ‘facer e desfacer’ para logo aludir ao mito de Sísifo, pois nalgunha delas ten traballado anos... Hai aquí algo da intensa impresión que lle produxo unha viaxe á Marrocos a finais dos anos noventa. O seu eco puidemos velo tamén en Nicolás González Aller, noutra mostra na mesma galería, cando chegaba de África logo dunha prolongada estadía no Senegal, ou así. Hai en Catoira un hermetismo implícito no desenrolo das formas e planos, que ten moito de catarse, e historia persoal. Así a de Manuel López García de Cudeiro (Ourense, 1946), que pasa a querer alcumarse ‘Catoira’ dende a impresión que lle produce un escrito de Xosé Fernández Ferreiro: un artigo do afiador das letras, cando escribía do desembarco dos viquingos en Catoira (Pontevedra).

O referencia do coñecido xornalista e escritor de Nogueira de Ramuín, que morreu fai pouco, colócanos na dirección axeitada para abordar a outra metade da mostra, os Biosbardos, dende o libro de contos homónimo de Eduardo Blanco Amor. No primeiro deles lemos ‘Biobardo vente ó saco que eu te agardo e son Leonardo’: coa inspiración neste conto, e no de ‘Serafin e as musarañas’, argalla un ‘bestiario’, seres traxeados e gravatas, con cabezas dobres, que nós podemos ver duais mais que son así, elegantes como Blanco Amor, e coa cabeza chea de andrómenas.

As clases de Luciano Cárcamo, e tamén Xesta, presentes no emprego do lapis é a liña, e a fantasía do seu maxín no colaxe, coa que fai poesía. Nesta vertente súa pódese mencionar o poemario ‘Ópera aberta’, do que gustou Manuel María, o que lle da creto. ‘Pedín licencia para ir a vere os titiriteiros que funcionaban no campo dos Remedios. Meu pai dixo que non; miña nai dixo que sí; e, de tal modo, fun’, escribe nas derradeiras liñas do texto que firma en 1962 en Buenos Aires. Moito manda unha nai...

CARTOGRAFÍAS DE CUÍÑAS

O ourensán Xavier Cuiñas foi o artista escollido para inaugurar o novo espazo da Galería Metro en Santiago, na Praza da Quintana, 3, o que sempre é unha gabanza, ademais dunha aposta estética. O título é un aceno ao cartógrafo Domingo Fontán. Son as obras creadas no seu obradoiro de Allariz unha conxectura espacial dende o arame de aceiro como material, a fin de crear espazos que poidamos ollar, e desfrutar, que opera neste escultor como o silencio no eido musical. A madeira de buxo reflicte o restroballo, que sempre queda, pois todo fala de todo.

Te puede interesar