Opinión

Clara Martín, exposición de arte dunha escritora

As tres Furias.
photo_camera As tres Furias.

Música son os colaxes dos seus rechamantes rostros femininos, tan acaídos dende os complementos engadidos pola artista, quen consegue vizosos ménages nos que mestura arredor das facianas, e pescozo, elementos parlantes. Con eles amósanos mensaxes. Así con Kala sinálanos que debemos calar, pois “o silencio é a única resposta á pregunta túa”, escribe nun texto que é tamén poema visual. Mais é con Teia, con máscara por cabelo, e ollos ocultos: “Era unha muller con ollos de auga e cristais no peito, con ollos pechados e ollos baleiros. Era unha muller que berraba en altofuturos en silencio: ollo por ollo e o mundo quedará cego”. Velaquí a sintaxe de imaxe e texto, e en confluencia o significado… Noutra das paredes, a modo conclusivo, as Furias, ou aínda mellor as Erinias, pola súa orixe grega ateniense, que se ocupan de vingar os crimes, especialmente os que atentan contra a familia. Das “Fillas da noite, deusas da venganza”, Alecto, Megera e Tisífone, falaron García Gual ou Graves, sendo nomeadas por elo como as Venerables, ou Bondadosas. Miran só por un ollo, e no texto explícita “Hoxe chámanse Ana, Melisa, Tareixa, Adela, Manuela, Tamara… e moreas de nomes máis para estas furias da igualdade e a dignidade, fillas da noite e do día a día no que mostrarse, visibilizarse e ennobrecerse”. E con Sálvora, “-Cortamos?, -Só as puntas, estou deixando medrar os xenios.” Mais Lilium amosa o Home pintado por Michélangelo no teito da Capela Sixtina...

Velaquí o dicir plástico e literario de “Clara Martín”, alter ego creativo de María Cristalina López Rodríguez, de Trasmiras, Ourense. O seu ten sido escribir teatro, como Os pecados do lobo para a compañía Sete lobos, representada no Auditorio de Ourense, en 2006; e para a compañía madrileña Estamos en ello, No esconderás un cadáver en el armario, representada en Madrid e Ourense, ademais de Olvidé decirte adiós… así que adiós, traducida ao galego en 2019. Ten sido galardoada co primeiro premio no certame de Relato Curto, 2006, en Mugardos/A Coruña; e tamén noutro do Corte Inglés/Galicia, 2011, sendo finalista en certames nacionais e internacionais. Participou en libros colectivos, caso de Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas), 2019, coordinado por Antonino Nieto, con Xosé Antonio Perozo e Ouka Lele, entre un amplo elenco; ou “De mazá e canela. Contos con sabor e cor”, 2021, escribe os contos, con Teresa Fenollosa, como reposteira, as receitas, con ilustracións de Isabel Pintado.

Máis, necesitada de ampliar expresións, encamiñase nos últimos tempos ao mundo das imaxes visuais con “O que comen as bruxas”, que estrenou na Fundación Venancio Salcines, Oleiros, A Coruña, a finais de 2020, chegando agora ao singular mundo de Roberto Mariño “Verino” no Espazo de Arte da súa Boutique ourensá de moda e complementos. E Clara Martín ofrécenos colaxes feministas, ou femmage, falándonos cunha voz e dúas linguaxes, sendo algúns dos títulos das imaxes Xurela, Dorna, Tambo ou Cóxega, que acompañan a Odile, Leira, Xeo, Mahia ou Brétema. Preside Xénese, e remata Thelma: “-Creo que me volvín un pouco tola. -Non, sempre fuches tola. É a primeira vez que puideches expresarte. Louise.” Á mente véñenme as obras do excéntrico artista Giuseppe Arcimboldo, cos rostros feitos con animais, froitas ou frores, quen destacou tamén noutras actividades. Así Clara Martin, creadora de ideas con palabras, e imaxes con arte.

Te puede interesar