Opinión

Contravento e Marea 2.0

uploaded_li1
photo_camera Xurxo Oro entre as súas obras.

Na Sala Municipal José Angel Valente catro grandes da escultura en Galicia, Silverio Rivas que traballa en Paramos de Tui, Manuel Patinha, ferrolán de Povoa Santa Iria (Portugal), Paco Pestana, lucense de Frairía-Castroverde, e Xurxo Oro Claro, alaricano de Ourense. Dende os catro cantos en que moran, volven xuntarse nun impulso nacido ao pé da Burga.  E como daquela, en 1994, teñen a tutela de Rosario Sarmiento, como curadora, e Xurxo Lobato, ollada de fotógrafo. Xúntanse para un camiño que os levará ata Lugo e Vigo, alomenos. Por Galicia, desta volta. Foi entón un fito e así está rexistrado nas biografías, acción expositiva que lles deu o empurrón. Son, todos eles, uns renovadores, de catro camiños plásticos. 

Rivas, o miúdo gran artista que abriu as portas do Atlántico en Vigo, a Ara Solis na Torre de Hércules, e colocado o Horizonte para o sol no campus da UVigo en Marcosende, tan francés que soubo integrar o legado abstracto de Brancusi e inserilo con naturalidade na pedra do sur pontevedrés, amósanos con precisión de cirurxián o seu misterio interior no ‘Torques’ (’92). E a súa expresiva poética na ‘Sementar herba na leira’ (’07), con madeira. Porque o artista natural de Ponteareas, con tempadas en Nantes, gusta da experimentación dos materiais no atelier: velaí a morea de propostas nas tres vitrinas, e a escolla nas ‘mutacións inducidas’, trinta pezas en tres grupos, que explícita o amor polo equilibrio. 

Outra é a posta en escena de Pestana, dende a acumulación: xunta pezas de madeira en escenarios, engade fotografía e fai visible a palabra poética. Así ‘Poesía y escombros’, chío en castelán con moito daquela impostura/postura que nos amosou en 2010 no Centro Cultural. Un explícito expresionismo do escatolóxico, ou no sexo, con retranca nas súas formas animalísticas, madeira-tótem do bosque primordial. E Patinha. Dende os irmáns Clotilde e Filomeno do ’94, que privilexiaban os perfís, ata as formas pechadas de Isolda. Mestre da soldadura, o aceiro galvanizado non ten segredos, mais para achegarse á súa escultura hai que coñecer a súa obra gráfica, pois o artista é pintor que debuxa, e tamén escribe. Segue a crear beleza dende Montecuruto con unha paixón baseada na terra. Fenda, Morna, Orión e Colón, obras do ’09, da etapa da Faísca en Narón, amosan a forza do seu traballo cando as xunta, un murmurio con algo de surrealismo. 

CON XURXO ORO

Das Caixas de ferro con granito Porriño, sen pulir, do 94, ás figuras de luminosa vestimenta branca..., ou o que vai dende os obxectos ás accións e interaccións humanas. Eis a asunción da vida dende o seu entorno, resposta do corazón de artista sensible aos dramas: na figura deitada, o cancro de mama. Dende aquela exposición da Fundación Granell (08), o artista ven reflexionando coas figuras penduradas, transmutadas nos explícitos valados da fronteira de Melilla: ‘Maldita Europa’ é agora un contínuum daquilo. As próteses na gaiola no 94, antes de Bourgeois, estrutura cárcere que segue a utilizar en 2016 con este significado, no contexto do escándalo da corrupción moral da vida pública...
 

Te puede interesar