Opinión

Eva Díez e Melania Freire

Ou o que vai dunha primeiriza a unha consagrada. Esta é Eva Díez, fotógrafa viguesa que ven de pechar un ano triunfal, no que acadou diversos premios, Nacional de fotografía profesional Lux Oro, o Premio Art Photo Ben en Barcelona, aos que engadiu, entre nós, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Consecuencia desde concurso, organizado pola iniciativa do Outono Fotográfico, ou por mellor dicir, Xosé Lois Vázquez ‘Ché’, director, e Vítor Nieves como coordinador. O patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, fai que acadalo supoña un regalo pois gañalo supón visibilizalo traballo en formato libro. Este foi presentado fai uns días en Ourense na Galería Photo Art ante Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. Toma corpo así ‘Renacer’, dende as fotografías. Estas iniciaron a súa exhibición en Lugo, con itinerancia polas cidades galegas. O proxecto xurdiu, luz no seu maxín de artista, dende unha casa baleira e outra habitada nunha viaxe por Pontevedra. Nós, con Matisse, tamén somos da opinión que ver é un acto creativo...

Foi así localizando casas deshabitadas, polo norte de España, Italia, e principalmente na nosa terra, nas que interviu para engadirlle luz, e fotografalas de noite. De antigo, cando se dicía que había nunha aldea trinta lumes, sabíase que alí había vida, casas coa calor do lar.

Eva Díez, na súa fotopoética montaxe, recreaa dende o simbólico, un contexto do que gusta e que nos amosou na exposición do Centro Cultural ‘Os que habitan’, que puidemos ver da man do OF/2014. Este é o seu territorio de creación, o poético dende o real, que agardamos recale pronto en Ourense.

 
O mundo de Melania Freire

Seis obras, no fondo da saliña de Alterarte, no Campus Ourense da Uvigo, que con outras dúas máis conforma a suxestiva mostra ‘Inventario’, coa que se presenta na comunidade da arte Melania Freire Vázquez (Lugo, 1991). Co acubillo do OF/2015, no debut da xoven artista dominan as fotos, mais resalta especialmente un gran pano de frores, con flecos e colorido. Na parede principal pendura un pano, e unha foto con vellas colchas e mantas; noutras fotos haiu mulleres vovas que portan instrumentos de cestería, con caza ou frores... Estas últimas, debuxadas e recortadas emerxen da cesta que leva na cabeza a moza, colocando a xove artista un paxariño recortado na cima do marco. A carón deles, penduran as follas, soas, sobre a parede... nun continuum discursivo de apariencia e realidade.

Á entrada, na contracabeceira, a foto dunha cesta de vergas de carballo con follas debuxadas e recortadas... Velaquí o elenco, no que amosa a súa formación, licenciada en Belas Artes na Uvigo en 2014, estando a titularse na Esdemga, título propio en deseño téxtil e moda, que dirixe a profesora ferrolana Lola Dopico Aneiros, que é precisamente a comisaria da súa expo individual auroral.

Coa profesora colabora nestes días a alumna na exposición colectiva de Tecido Cru, na Casa Galega da Cultura, na cidade de Vigo. A artista xa tiña comisariado neste ámbito a mostra colectiva  denominada ‘Do tecer. Miradas sobre o textil na arte contemporánea’  , todo elo na Galería Metro de Santiago de Compostela.

Te puede interesar