Opinión

Imaxes docentes de Huete

Ánxel Huete Vales (1944), pintor galego coas súas orixes vitais en Ourense, chega ao espazo expositivo da Sala Alterarte no Campus cunhas imaxes neo Pop, mostra coordinada por Luís Sirvent, coleccionista e promotor cultural. Dende a vella amizade entre eles, e o interese do director da Sala, Xosé Manuel Buxán, profesor da UVigo-Campus de Pontevedra, trae unha proposta que titula Iconofobia, con retranca, ou ironía, sendo como é un dos meirandes referentes da abstracción en Galicia. O artista trátanos como se o público e a crítica fósemos unha extensión dos seus das_das_serigrafasalumni eventuais da Escola de Arte e Superior de Deseño da cidade, que é o contexto onde xorden estas obras. Aquí na Cuña, extra radio da cidade, e coa asistencia técnica de César Taboada, artista e director do centro, impartiulles dúas sesións de traballo no seu taller de serigrafía, unha o pasado ano e a outra en 2004. En ámbolos casos compuxo unas serigrafías manipuladas con acrílico dende as imaxes realizadas polo fotógrafo Oliviero Toscani para as campañas publicitarias da firma italiana Benetton, publicadas na revista Colors en 1993. Son homes e mulleres de pe e nús, modelos de pouco máis de vinte anos que fitan para nós espidos e en posición descanso, saídos das décadas dos anos setenta e oitenta nas que os códigos éticos e deontolóxicos permitían o seu uso, como tamén fixera a americana Levi’s e recentemente a firma española Desigual. O corpo  como verme para pescar/vender. Ánxel Huete manipúlaas e recúbreas dunhas capas translúcidas e pictóricas a fin de cubrilas como se dun xogo se tratara, disimulando a súa turbadora aparencia sexual. Co efecto-celosía da ocultación parcial muda a linguaxe publicitaria e cambialles o paradigma para “abrilas a novas posibilidades de lectura”, como dixo na presentación. Dende a altura dos seus setenta e cinco anos revisa algunha das iconas do Pop inglés que viu en Londres con vintecatro, outros ollos outra mente, un camiño que foi refugando cos anos, aínda que nos setenta aínda estaba nel vixente, malia a evanescencia das formas figurativas. Regresa así ultimamente o artista á figuración, unha escolla que puidemos ver nun autorretrato exposto no Centro Cultural, dende a manipulación dunha foto dun cociñeiro á que lle superpuxo o seu rostro, amosándonos a parte polo todo, modulación eufemística que noutros artistas da colectiva minguou até desaparecer, colocando no seu lugar un símbolo, metáfora de seu. Coas imaxes así parcialmente neutralizadas o artista pensa que fixo un exercicio de liberdade, variacións nas que se descobre máis de iconódulo que de iconólotra, en realidade.

O artista viviu xa dende os sesenta en Vigo, pasando a Barcelona, para estudar a carreira de Belas Artes na Escuela Sant Jordi, ampliando estudos na de Berlín. Logo fixo os cursos de doutoramento en Salamanca para acadar a titulación na Facultade de Pontevedra, da UVigo, onde sería profesor durante anos. Interesado dende sempre pola investigación plástica, participou de xeito decisivo nas Colectivas de «Atlántica», fundador do grupo de Baiona. Fai un par de anos o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, fíxolle a revisión crítica da súa sobranceira traxectoria.

Te puede interesar