Opinión

Instalación e kermesses artísticas

Conclúe o mes na cidade coa fermosa kermesse de A Bela Auria. Son cinco anos xa dende que xurde esta festa cívica no ‘Barrio da Cidade Vella’ en crave de festa de rememoración da Revista Nós, o alicerce da nosa modernidade. Oscar Penín e outros, colectivos e asociacións, veñen sementando dende fai un lustro no seu ronsel, e no espíritu dos devanceiros que conforman o cerne recente da nosa memoria colectiva contemporánea. Con espíritu constructivo, os anos vinte, a roupa e sombreiros de época son o hábito para o ambiente dos participantes, mais elo non é disfraz senon atrezzo para as ‘Songs of the Silent Age’ do corazón cultural da Vella Auria. Mergullarse no Barrio da Cidade Vella en bici nun paseo patrimonial supón recuperar un ritmo calmo para os nosos tempos. O vello Xardín Botánico de O Posío, e na Praza de San Marcial centraron as accións. A reivindicación do Patrimonio inmaterial e material, nun air à danser de festa non é unha mascarada frívola, e si historia viva na que poden confluir, sen complexos, asociacións veciñais, insuas culturais de poetas e outras forzas vivas da cidade, nunha asunción na ampla rúa da cultura das preclaras orixes identitarias. E todo elo na Cidade Vella como escenario dunha instalación temporal, no comezo do Outono.

Outro evento neste tempo de paso entre estacións está a ser o da proposta expositiva do Museo Municipal. Máis prolongado no tempo que o glosado arriba, transformou as salas con unha macro instalación transgresora do canon. Cambia, ante todo, o xeito usual de exhibir as obras, sen marcos que as encadren, pois as salas son o marco. A acción dos irmáns De Dios, Josechu e Xoán, que co título -paraugas de San Antón nas Panateneas-De Religione Cómic 2, se exhibe intenta abrir as portas dun mundo. Unha figura espida cos brazos en cruz, fotografía dun deles diante dun espello, anticipa o concepto da Caixa iniciática, que cura ós doentes no seu espazo a escuras. Iluminado por a tenue filmación dunha misa sobre unha pantalla redonda, os visitantes poden transformalo a vontade con unha moeda-óbolo retornable antes de subir. A relectura da capela do Santo Cristo queda así no formal, desestructurada, pola acción artística. Aboian aquí as ideas conceptuais neodadás europeas, con efectos visuais surrealistas que bateron no seu día co expresionismo abstracto norteamericano, en plena Guerra Fría. E Beuys tamén. Co debuxo como paixón, a base de papel e pinturas acrílicas, os autores traballaron directamente nas paredes varios días, sentados en cadeiras, con rotulador, subidos a escadas para pegar os vinilos decorativos das paredes, teito, escaleiras, e nos azulexos dos urinarios.

 A destacar as instalacións de entrada, con un cadro dun xentío con paraugas no Obradoiro, e as do piso superior, con cadeiras para podamos sentar ante Lenin, e nun estudio de artista, que emula a Rembrandt. A caixa-catálogo co logo das Redes Escarlata, cabe do institucional, ten reproduccións dos debuxos e frases alusivas o seu Olimpo grego entreverado co Tangaraño de Coba do Lobo. Un resultado asimétrico, no equinoccio.

Te puede interesar