Opinión

Leonardo Vidal e Delfín 
Blanco, mestres da arte

vidal
photo_camera vidal

O artista Leonardo está entre nós no Auditorio coas súas obras nacidas no seu estudo pictórico de Verín. Son, os seus temas, mundos nos que o tempo semella terse detido, facianas concretas da paisaxe urbana, ou rural, que o pintor escolle: estas son unha decantación de momentos nos que, iluminados polo foco da súa atención, ábrelles a porta, para amosarmos a composición.

Así dende a súa percepción estamos diante dun amencer en Compostela, luz e tellados do skyline do burgo histórico; e o núcleo de Portomourisco arredor da igrexa, ou na Teixeira, nos Ancares leoneses, co seu gran hórreo cadrado por baixo dela, cuberto de colmo, un aspecto este de filiación etnográfica dos que Leonardo gusta engadir, sabedor de que a esencia está nas antigas sensacións que se achegan, co ar suave, co aroma do forno que coce pan, ou daquela rúa na que se asentaba unha familia de chocolateiros, e o aroma que dende alí se espallaba era arrecendo que agarimaba os corazóns que albiscaban novos tempos, logo da escaseza dos anos cincuenta, e corenta, de obligada Coresma. O mesmo que regala no bodegón da cesta con mazás e negras uvas de mesa, que invitan a deixarse coller...

Esa é a idea, dende a que se ofrece, cantor das mazás da horta do seu veciño Juan, de cores e luces ben contrastadas, ou as cebolas que lle trouxo un amigo de Oimbra. Nestas obras de temas concretos, humildes e sinxelos, concentra a materia pictórica, coa que a súa arte destaca. Outro é esa sensación de humidade, líquida, das rúas molladas, diante da porta sur da catedral, ou de Santa Eufemia, coa rúa animada de xente nunha escala inferior á usual, o que lle da un aspecto encantado, proporción que recobra na santiaguesa Porta Faxeira, obra na que é maior o equilibrio coa arquitectura. Esta variación a vontade é como un xogo, unha maneira de ver para este veterano artista que se foi facendo a si mesmo dende a vila capital do val do Támega, onde impartiu clases na súa escola de arte ou en Artes e Oficios. Dende o bodegón do tapete vermello, a escaleira dos Uffizi, con matizadas e precisas formas, luces e sombras, e na ría, coa batea en reparación, paisaxe e mexilón que nos define, comprobamos como troca as luces, un xeito efectivo de amosar o seu sentir.


Blanco e as ‘Letras galegas’

Ben de morrer, o gran artista das gubias Delfín Blanco o pasado día 11. Nado en Soutepenedo de Barbadás en 1939, mestre de vida dende a talla, trípticos, bustos, e obxectos artísticos de mobiliario, saíron das súas mans. Impartiu docencia en Artes e Oficios da Deputación de Ourense e Verín, e na Escola Antón Faílde, e tamén na Ramón Falcón de Lugo. En 2004 participou na exposición Camiño de Paz, na Catedral. Deixou dito, e escrito nas sús bolas e barras, que ‘sen pan a cultura non se dixire’. (Terra a nósa!).

Te puede interesar