Opinión

Manolo García de Buciños e a segunda Colección Alterarte

A peza fundida por Manolo García de Buciños que se entrega no Premio Trasalba, a figura de D. Ramón Otero Pedrayo co caxato e o sombreiro, foi escollida polo mestre escultor para pasar a formar parte da Colección Alterarte, que leva o nome da sala de arte que ten a Universidade de Vigo no Campus de Ourense. E estase a amosar nunha exposición colectiva na sala 0 do Centro Cultural da Deputación con Lidia Alonso, Covadonga Barreiro, Marta Cerviño, Marcos Covelo, David Crespo, Dana Díaz, Olaia Fernández, Julia Ferradás, Maya Kapouski, Rosalía Pazo, Javi Moreno e José Luis Torrico ademais dunha peza de creación anónima incluída nunha mostra curada polo docente Javier Tudela. Todos eles pasaron pola mencionada sala dende o ano 2013 ata agosto de 2015 trala súa selección polos comisarios, e logo de amosalas obras durante dous meses doaron unha peza á Institución Universitaria do sur do país galego: velaquí o xermolo da exposición. 

Todolos artistas formaron parte do proxecto Estado Crítico 2 con10 Comisarios, profesores todos da propia Universidade. Xosé M. Buxán Bran, o coordinador xeral e director da sala, coa indispensable axuda de Filemón Rivas, técnico de Actividades Culturais do noso Campus á fronte, prepararon estes fondos para compartilos coa cidadanía, un xeito de valorizar a creación artística e ao mesmo tempo de continuar a promover a arte dos artistas, os grandes protagonistas. Son xa agora trece os anos nos que Alterarte trae a Ourense este vento continuado de modernidade, un rol que dinamiza a nosa vida cultural dende a arte. 

A súa é unha aposta por dar a coñecer a novos creadores, mais sen desbotar a participación de recoñecidos artistas como Buciños. O traballo dos diferentes curadores dende a liberdade na escolla deles amosan, como dixo na inauguración, “os fértiles camiños no que se desenvolve a plástica actual”. En paralelo, presentouse o volume-catálogo deste Estado Crítico 2, que deseña Edenia, de Ourense, con Xosé Lois Vázquez á fronte, o que non é baladí, xa que logo formato e tipografía falan, amplifican e completan a aposta da UVigo. Nel podese atopar unha ampla información das mostras, artistas e curadores, nunha acción cultural docente que é un xeito de facer unitario.

PODER, CORRUPCIÓN E MENTIRAS, NA SALA ALTERARTE 

Mentres, na propia sala Alterarte, exhíbese ‘Power, corruption & Lies’, do artista Luis San Sebastián e curada por Ignacio Barcia, a penúltima das mostra do Estado crítico 3, que tamén está a desenrolarse con profesores da Universidade, edición que rematará as propostas neste mesmo ano. O docente madrileño de escultura de BB.AA en Pontevedra, quen coordina a Sala X dese Campus, escolle un artista salmantino que traballa na actualidade dende o programa de doutoramento das confluencias entre arte e a música. 

Así nesta exposición o discurso extráese daquel disco do grupo inglés New Order, polo que preside a posta en escena o seu vinilo vernizado sobre aluminio lacado e a caixa do vinilo. E utilizáo como si dunha  aixa de ferramentas se tratase, con Jeremy Deller, nas entretelas, autor que leva tempo loitando dende a ironía contra a infantilización da arte.

Te puede interesar