Opinión

Mergullándonos no Outono Fotográfico da descrenza

As chuvias desta fin de semana que escorrentaron o verán desnortado de estación, foi o momento de achegarmos á primeira xeira de exposicións do festival decano da península ibérica, o Outono Fotográfico. Visitamos no Museo Municipal as propostas das outras salas logo da ternos fixado a pasada semana na de Jon Gorospe, Premio Galicia de fotografía 2016. E tamén fomos ao ‘Espacio de Arte’ para ver a da arxentina Tamara Wassaf, mostra que estará ata fin de ano, e da que daremos conta noutro momento. No primeiro andar daquel centro expositivo do Concello, a carón da Catedral, están os fondos da ‘Coleção Encontros da Imagem’ de Braga, o veterano festival portugués, que pechou o pasado mes a súa edición número trinta. Veñen na colectiva John Paul Evans, María Sturm, Antonio Guerra e Pawel Starzec. Dos catro fotógrafos, María Sturm amosa os mozos dos Lumbeee de Pembroke, en North Caroline, EE.UU., a tribu nativa maior ao leste do Mississipi, población do condado de Robeson que nunca tivo que mudarse, xentes que non exhiben unha alteridade significativa mais que son firmes na súa identidade. Velaquí unha interpelación cara nosoutros, galegos… As historias de Evans, en B&N, arredor da vida en común do fotógrafo de cincuenta anos, e Peter, de 70 anos, son unha reflexión persoal arredor do estado actual do cambio social en Gran Bretaña, Europa e América das definicións do matrimonio, que se poden extrapolar a España e Ourense. Eis ‘Ata que a norte nos separe’ un retrato de parella-familia sui xéneris no entorno doméstico, imaxes buscadas para expresaren a idea de retrato-de-voda nunhas curiosas imaxes que aluden ao sentido do fogar con moito de performance. Nas fotos de Antonio Guerra hai outra visión, a do home e a natureza, nunha acaída posta en escena con unha capacidade ilusoria ao xeito surrealista de Magritte, en ocasións, xogando coas montañas, bosques e pedras, sendo a primeira para el símbolo de viaxe. Cada obra é pois un relato, e ademais unha investigación das posibilidades de representación bi e tridimensionais. E na sala pequena tamén está ‘Reactions’ de Dafna Tal, con Vítor Nieves como curador da sección oficial.

Esta son dous vídeos. Neles recóllense as reaccións das persoas ao escoitaren sons relacionados co cultos nas diversas relixións en Xerusalén. É paradigmático como os xudeus e musulmáns, principalmente, e tamén cristiáns, en minoría na cidade, inciden nos diversos ritmos dela. Os suxeitos participantes foron filmados sos e sentados ás escuras sen coñecer os tipos de sons. Todo elo é como un test para nós, e a variedade de Ourense dentro do aparente unidade… Todas as exposicións botaron a andar trala presentación de Xosé Lois Vázquez, director do evento, cos patrocinadores fai unas datas no Liceo. A edición deste ano desenvólvese dende a Descrenza, e a refutación do ‘evidente para reconectar co medio natural e o ser humano, coa súa diversidade identitaria e, dende a descrenza nos modelos decretados, avanzar’, en palabras de aquel. As oitenta e cinco exposicións en vinte dúas localidades do noso País Galego, catro delas en Portugal, falan tamén dende os números da súa intensidade.

Te puede interesar