Opinión

Os musicais versos de Armando

unha_das_iconicas_caricaturas_de_blanco_amor,_obra_de_siro
photo_camera Unha das icónicas caricaturas de Blanco Amor, obra de Siro.

Un abafante sábado de xullo escoitei na igrexa matriz do antigo Couto Mixto a estrea do seu himno na voz de María do Ceo. Dende aquel verán o texto manuscrito no ar da ‘Patria do son e das sombras’ de Armando González (Vigo, 1955) está a medrar como autor do noso. A recente edición da súa ópera magna «Escolma imposible (e incorrecta)» co Cartafol daquela República dos Soños e homes de acordo no inicio, reafirma aquela impresión. A lectura dos versos do libro aquilátao como un versificador singular máis alá da compaña como letrista da poderosa cantante minhota do Porto, que dende os anos noventa medrou entre nós. O seu amplo elenco de vida e letras vaise amosando dende a súa adolescencia até hoxe para encher o libro, un disco-libro en realidade, que ven de ser presentado no Liceo de Ourense. No comezo, coas engaiolantes terras dos Mixtos, aparece Sal, irmau do dragón escocés Nessie, apunte dun conto que semella xurdir dun sono de Armando, por máis que nel chame por testemuñas a Oitaven e García Mañá, que dedica a Xosé Benito Reza. Esta é outra das características da obra, a das dedicatorias, dende Brecht a León Felipe pasando por Jorge Manrique, Bécquer, Neruda, Alberti ou Tovar, Xela Arias, Méndez Ferrín e Alonso Montero, entre outros; aos que engade amigos e familiares. Do maxín do escritor xorden os textos dende os tempos nos que ‘a beizón/ de lembrar a historia dun pobo que foi dono/ do seu propio trono’, no ‘loiro sol da manhã [que] acarinha Santiago de Rubiás’. 

O cerne da obra son realmente as poesías feitas dende o peirao de Curros, J.R.J. e a inspiración doutros, como dixemos. Entre todas, teñen para nós relevancia especial a sombra de Quevedo en ‘Érase un hombre a un enanismo pegado/érase una miniaturización superlativa’, ou a de Góngora e Horacio: ‘¡Probar a recomponer una rosa/ después de haberla deshojado!/ …y Carpe Diem”. E noutra, ‘…siempre hay algún amigo/ que oculta bajo su abrigo/ las dos manos extendidas/ como Norte a las derivas’, no ronsel da súa profesión de médico neumólogo, no canto de nomear a Manolo de Toro e Abel Rodríguez Canal. Porque convén recordar, que é volver a pasar polo corazón. Na outra parte do volume «María do Ceo canta a Armando González» a carón dos CD’s, unha das súas chiscadelas pois é anverso. Son case corenta letras para cancións, que se inicia co himno á Ribeira Sacra, recentemente presentado. 


Hai tamén inspiración dende Blanco Amor, ‘...soñando vivo/ y en mi sueño estoy viviendo... día a día aprendiendo’, que limos mentres ollábamos os debuxos de Siro López Lorenzo (Ferrol, 1943) reunidos nunha breve exposición que se lle dedicou no vello Simeón, con acaídas caricaturas nunha mostra bibliográfica do escritor, coleccionada por Carlos Laíño. A pequena referencia ao Blas de Otero de ‘En el principio... me queda la palabra’, fíxonos lembrar ‘La poesía es un arma cargada de futuro’ de Celaya. Ámbalas dúas foron musicadas e cantadas por Paco Ibáñez no Olympia de París, no que podería ser o seguinte fito do médico-letrista e poeta.

Te puede interesar