Opinión

Prada e a fotografía 
do premio Ksado

<p></p>

Cando as neuronas bailan, e trebellan, ou buligan, é a manifestación dun artista, César Prada, que enche as dúas plantas do Municipal con unha vasta exposición dos seus traballos co pincel, e o gubia e maila trencha, cadros e mais cadros, con esculturas, que en grandes paneis espalla polas paredes das salas. Isabelita e Lupita, na entrada, terra/aire/lume/auga, o neno, terra e aire/lume e auga... así son algunas das obras que amosa, así o percorrido vital do artista: muller, filla, neto, vida e tempo..., eis unha mirada retrospectiva do seu entorno, a declaración do sabor esencial. Son obras descriptivas nas que manda o corazón e o sentimento.

Outras xurden dende outros eidos e preocupacións, e busca o simbolismo, con mirada cartesiana, analítica, que logo amplía e no desenrolo da historia engade planos, campos de cor, escalas varias..., deixando ver o que leva no fardel: a fasquía da súa inspiración. Esta se manifesta nalgunhas teimas sociais contemporáneas que lle preocupan, ou a morte do amigo artista Zapata, reflexións dende o pesimismo, nas que a súa expresión faise escura, dende outros medios técnicos. Nunhas obras de agradecemento a algúns grandes artistas por existir e alumear o seu camiño, sen máis, vimos formas novas no seu rexistro plástico, nas que debería insistir polo frescor que aboia nela (así no inspirado en Van Gogh). Nesta macro exposición de máis de cincuenta obras, con un video, e unha morea de debuxos e bosquexos que enmarca o artista baleira o seu taller, e íspese para nós como si dun cando de cisne se tratase aos seus sesenta e cinco anos.

O Premio Luis Ksado

Na sala José Ángel Valente está a Retrospectiva Luis Ksado, co gallo dos dez anos deste prestixioso premio de creación fotográfica ligado ao fotodocumentalismo, e que premia ante todo a linguaxe fotográfica, sen fotomontaxes. Chegan ata nós co comisariado de Xurxo Lobato, e conclúe así a súa itinerancia co patrocinio da Deputación de A Coruña. Con un máximo dunha ducia de fotografías contan unha historia, dende o drama da inmigración (Xosé Abad) a Vari Caramés quen, con ‘Galicia instamatic’, reclama outra mirada. Peter Marlow, da Magnum Photo, con ‘A catedral de Santiago. A fin do camiño’ amosa xa en 1999 que é a esencia, tema de contraversia nestes intres en que o impulso do turismo temático é ameaza (peregrino 100.000 rexistrado no que levamos de ano). Da denuncia da prostitución en Filipinas (Diego Verges) á India da alegría (Javier Arcenillas), da visión do fado (Amador Lorenzo) á invasión da publicidade (Xulio Villarino), e os incendios de verán en Galiza, de Miguel Riopa: ‘Verde-Rojo-Negro’, espléndido título. Especialmente acaído nesta altura de 2016, é o tema da vellez na nosa terra (Fernando Fernández) e a fermosa reflexión de Harguindey ante o impacto dos residuos na mar. A inclusión de Ourense no tour ten un intererse especial pois o pionero do fotoperiodismo que foi Luis Ksado viviu os seus primeiros anos en Ourense, á beira de José Pacheco....

Te puede interesar