Opinión

Na procura do camiño da arte

Achegarse a Ourense, para entrar nas salas das exposicións, públicas e privadas, é un costume xeralmente descoñecido. Abertas na trama urbana, amosan a creatividade nas artes plásticas, escultura e pintura, xeralmente. Elas son un barómetro da temperatura cultural da cidade e o higrómetro desa humidade que é a vida desta terra de augas quentes. Os pasos das xentes se encamiñan para mercar, ou van cara bares e cafetarías. Mudemos o estereotipo dende a emulación. E se en vez de vermos aos primeiras espadas da política entrar o día da inauguración nas salas institucionais, vémolos en parella ou en familia? E se nelas está outro día o bispo, un xefe da Garda Civil, o subdelegado do Goberno ou o director de La Región? Que dende a imitación..., e de seguro que uns e outros desfrutarán das salas e o seu contido. É gratis, e sempre un plus de cultura ademais do que supón ver e falar cos artistas. Que a arte ofrece alternativas só a aqueles que non están prisioneiros dos mass media deixou dito o gran Umberto Eco. Entrar co afán de desfrutar aprendendo, olladas para ver e vermos, admirar e mirarmos nunha acción comunitaria dos persoeiros de representación política, relixiosa, militar, extensible a fundacións e asociacións. Máis tamén de que por veces entre unha profesora ou mestre, cos seus alumni iuniores de colexio ou os seniores da terceira idade.

20180107154659067_result

 

O ELENCO ACTUAL DAS SALAS DE ARTE DA CIDADE

20180107154658988_result

Comezar hai pola do "Tempo dos Suevos" (In tempore Sueborum), singular e excepcional, instalada simultaneamente na sala 1 do Marcos Valcárcel (MV), igrexa de santa María Nai e na sala 3 do Museo Municipal. Trata da nosa orixe diferenciada como galegos, logo de Roma. Luís Estévez, escultor, e o pintor Lazcano na Galería Visol, Fernando Casás na sala Alterarte do Campus da Universidade, e no exterior do seu edificio de ferro Mar de Redes, co traballo das mulleres nos peiraos e os  homes na mar; Javier Viver na Marisa Marimón, e na sala de El Cercano o escultor Xaime Fuentes. Na sala 1 do Municipal o gran Laxeiro e os primeiros debuxos; na sala J.A.Valente, obras de escultura de Xosé Cid, un dos referentes locales máis destacado; e tamén na Rúa do Paseo, Tamara Wassaf, artista arxentina que desenvolve no Espazo de Arte que ten a tenda de moda de Roberto Verino unha fermosa e acaída mostra na que mestura fotos e telas con unha vizosa e teatral posta en escena. No Liceo está Basalo coas súas alumnas da academia de arte, a cuxa inauguración acudimos, que J. Noguerol, gran escritor e periodista, presentábaa… Na sala Afundación, Praza Maior, están as obras do gran Quessada, dos anos sesenta e setenta. E, con algo de morbo, Ángel Pantoja, unha exposición de bustos clásicos, icona dun sentir na sala 2; e "Rojo Sache", a parella Rosa Isabel Vázquez, de Madrid, e Jº Antonio Fernández, de Murcia, que traen á sala 0, ámbalas dúas do MV, fermosas fotos que falan de asasinatos e crimes, coa paisaxe omnipresente. E se rematan, outras virán...

Te puede interesar