Opinión

A rentrée de Parada Justel

Hai dende fai uns días unha magnífica exposición do Museo Arqueolóxico e de Belas Artes de Ourense no Centro JA Valente. Co gallo da obra ‘Los Satélites’ de Ramón Parada Justel, que se ven de restaurar no centro museístico provincial dirixido por Julio Rodríguez. Refulxe así nos días máis escuros do ano solar coa luz dun egrexio artista ourensán nacido en Esgos. Está detrás un silente e teimudo traballo de investigadores, documentalistas e conservadores, decisivo no resultado final. Co Patrocinio da Xunta, dende a Consellería de Cultura, exhíbese nesta nova sala municipal. Todo ele reflicte un proceder de colaboración entre institucións que hai que aplaudir. Unha mostra de maduro sentidiño... En combinación co Ministerio de Cultura, a Autonomía recuperou o control dunha obra que se tiña por desaparecida ata que o investigador Juan Carlos Bejarano deu con ela, nos familiares de Montero Ríos en Madrid. A pista do relevante político santiagués relacionado con Parada dende súa estadía en Madrid xa fora manifestada pola investigadora Belén Lorenzo cando o seu traballo de licenciatura centrado no artista ourensán. Este visibilizouse en 1991 nunha exposición e catálogo, que viña a ampliar as achegas de Francisco Fariña quen, como director do Museo, fixo a exposición e catálogo en 1979 coa que se inauguraba a sala da Casa de la Cultura do Ministerio en Ourense en Concejo, 15: o círculo pechábase deste xeito. Ourense recuperaba para o seu patrimonio cultural unha importante obra. Dela non se tiñan mais que referencias, e unha ilustración. Coa obra restaurada por Cristina Rodríguez e Nieves Gómez, proceso que se amosa na exposición, o Museo faise visible aínda máis nestes tempos, logo da espléndida mostra bibliográfica e pictórica arredor do P. Feijoo Montenegro, que aínda se pode visitar. Dilo, da súa vitalidade, na nova dirección, debémosnos felicitar. Ogallá sexa o augurio de que os tempos do exilio rematen.

Pasamos así do lonxevo monxe, reivindicado como gloria local malia vivir encapsulado no mundo beneditino ovetense, capital asturiana, ao histórico pintor auriense, natural de Esgos, onde nacera en 1871, e morto pouco despois do seu trinta un aniversario en Ourense. O temperán mestre da pintura quixo vivir en Madrid ou Roma, empeños nos que se estrelou, sendo esta obra de 1898 que orixina a exposición, e ‘Recuerdo de las joyas’, de 1901, as dúas premiadas en Madrid, de agridoce lembranza á vista da escasa vida que acadou. Na exposición complementaria, con biografía en liña temporal, se poden ver, entre os retratos dos pais, un nu de campesiña, algo desproporcionado, que foi propiedade de Xoaquín Lorenzo, e as grandes obras ‘Otra helena pompeyana’, feita en Roma en 1894, do despacho presidencial do Pazo Provincial, e ‘Familia del anarquista el día de su ejecución’, do Mº de Pontevedra. O Catálogo con fotos de Fernando del Río e textos de Lorenzo Rumbao, achega fotos novas e corrixe algún erro anterior. Aquela obra, e a Adoración dos Magos, coa que o Museo felicita o Nadal, obras do exame para a Academia de Roma permiten decatarnos da súa boa man...

Te puede interesar