Opinión

Rut Martínez, relato dende a memoria

A  artista viguesa, de raiceiras ourensáns, Rut Martínez López de Castro expón na Sala Tres do Centro Cultural da Deputación de Ourense un relato plástico tomando como base a súa memoria. Eis unha reflexión persoal dende unha serie de obxectos que o tempo foi seleccionado, elementos da súa vida persoal que reinterpreta para reelaborar unha nova vida máis alá do silencio no que se achaban. Unha experiencia co pasado, que é sempre de catarses, fragmentos de experiencias pasadas, retallos no arquivo do obradoiro que, afastados xa dos seus pasos, emitíanlle sinais, que foron estímulo.

Ás veces os artistas dan en utilizar o concepto de ruína, arqueoloxía dun pasado común. Hai poetas, si, ‘Estos, Fabio, ‘ay dolor!, que ves ahora/ campos de soledad, mustio collado,/ fueron un tiempo Itálica famosa’, que axudan a elaborar acaídos versos a Rodrigo Caro dende un presente, agora xa pasado, reflexos que son sombra dos espellos, melancolía... Nos nosos días moitos dos novos artistas están instalados na rememoración deles, e gustan das instalacións, insistindo na recreación das ruínas por si mesmas, en crave de alegoría. Buscan nel a beleza, inane e fuxidía, do que xa foi..., mais non será, e gustan de pararse. Mais como saben moi ben os Mestres do atrezzo teatral, o ensoño permanece mentres dura a función.

A vida está noutro vieiro, e no teatro fóra da sala. Para a artista non é contemplación do pasado, senón re lectura/ reconstrución dende o día de hoxe. Colaxe e ensamblaxe, co ready made de Duchamp como referencia, para buscar novos significados, co cadro sen marco como soporte, cuxos límites ultra pasan algunhas das pezas. Noutras obras de Rut a necesidade expresiva amosa unha manifestación de xénero, do íntimo feminino, afirmación de seu no control que se aprecia en toda a exposición na ordenación da sala, con un caos de elementos e formatos. Son aquelas unhas propostas de pequeno tamaño. En contraste, están os óleos, que insire no conxunto, técnica que supón para a artista o reencontro con un medio expresivo.

Por elo faino protagonista na portada e contraportada do catálogo/ tríptico. Son as estruturas do silencio, mobiliario metálico que sae das sombras da memoria, sinais dunha vella porta, lembranzas...
A mostra, segundo recoñece Martínez, supúxolle un salto coa de gravados na Casa de Galicia en Madrid. O seu currículo se inicia coa colectiva de 1995 en Milán (Italia), cando o Erasmus na licenciatura en Belas Artes na Universidade de Salamanca, mais xa en 1994 tiña debutado na Casa de Cultura de Palas de Rei (Lugo).

En Vigo vive, e traballa, como docente na súa propia Academia 'Lapis de Buxo', no mundo da educación non formal, que a leva ata as Asociacións de Veciños ou á Escola de Artes e Oficios. Foi profesora no colexio marista, e figura tamén como docente da Universidade U.Vigo: toda unha pluriactividade vital sen deixar de expoñer en Sanfíns de Douro Milán ou en Santiago e Vilanova de Cerveira.

Te puede interesar