Pensamento e linguaxe: un exame (para o profesor Antonio Blanco Salgueiro).

Pensamento e linguaxe: un exame (para o profesor Antonio Blanco Salgueiro).

Neste artigo entenderei por linguaxe a capacidade, exclusiva dos seres humanos, de empregar un sistema complexo de sons e signos articulados e estruturados para se expresaren; por lingua a fala oral ou escrita propia de cada grupo social humano; e por pensamento os contidos e procesos, adquiridos ou herdados, conscientes ou inconscientes, da nosa mente.

«A idea de que o pensamento é o mesmo que a linguaxe é unha estupidez», sinala o científico cognitivo Steven Pinker. Este investigador critica a hipótese dos etnolingüistas Edward Sapir e Benjamin Whorf acerca da relación entre o pensamento e a lingua que usamos, coñecida como «hipótese de Sapir-Whorf», da que existe unha versión determinista (determinismo lingüístico) e outra máis moderada denominada relativismo lingüístico. Segundo a versión forte, o pensamento está determinado polas categorías da lingua que un fala. Segundo a versión relativista, linguas distintas soamente producen certas diferenzas no pensamento daqueles que as utilizan.

Por contra, Pinker afirma que pensamento e linguaxe son cousas dispares, autónomas, motivo polo cal a lingua non ocasiona ningún efecto no pensamento. Baseándose en investigacións con persoas xordas que carecen de linguaxe e en estudos con simios, conclúe que existe un «idioma mentalés universal», unha linguaxe do pensamento exclusivo da mente humana e diferente de calquera outra.

O relativismo lingüístico é criticado con dureza polos teóricos da lingua «universalistas» (como Pinker e Noam Chomsky), pois non recoñecen que a linguaxe humana diversifíquese en linguas suficientemente diverxentes entre si como para xerar disimilitudes cognitivas non triviais entre os seus falantes que orixinen unha cosmovisión propia.

Respecto a esta cuestión é oportuno traer a colación o galego. Na nosa lingua temos exemplos que amosan a nosa especial interpretación do mundo. Velaí os apelidos «Patiño» e «Calviño», que traducidos ao castelán moven á risa, mentres que en galego manifestan o carácter agarimoso do noso idioma e da nosa cultura. Tamén os múltiples usos da voz «carallo», dos que lembrarei dous que facía a miña nai: «Non hai carallo que non me pase» e «¡Ai caracho se non me aghacho!»;  e estoutro do meu avó, expresión dun asombro máximo: «¡Carallo de Deus!». Sen pasar por alto os orixinais insultos «cara de cona» e «lambeconas».

Invito ao lector a que examine se estes termos, e outros que coñeza, demostran que é a lingua galega a que inflúe na nosa maneira de estar no mundo, ou se é a nosa maneira de estar no mundo a que os ideou.


Os extraterrestres falan en galego


O profesor Pinker asume a teoría de Noam Chomsky de que a linguaxe é unha facultade hereditaria do home. Pola súa banda, Maite Ezcurdia, no seu texto «Argumentos a favor del innatismo en el lenguaje», explícanos que segundo Chomsky todos nacemos cunha «Facultade da Linguaxe» (FL) que supón unha capacidade innata para adquirir, sen aprendela, a lingua materna nun curto período de tempo que remata aos tres ou catro anos (a lingua hai que mamala no berce). A FL contería unha «Gramática Universal» (GU) que posúe información herdada consistente nun conxunto de principios e parámetros (específicos da linguaxe) que restrinxen as regras que han considerar os nenos no proceso de adquisición da lingua. Isto explicaría que en tan poucos anos asimilen de forma correcta, sen ningún esforzo de aprendizaxe e sen apenas emenda dos pais, a complexidade morfolóxica, sintáctica, fonolóxica e semántica que todo idioma ten. Este é o argumento máis sólido utilizado polos innatistas chomskianos, chamado «argumento de pobreza de estímulo».

Derek Bickerton, nos seus estudos sobre a lingua crioula en Hawai percibiu que agromou nunha soa xeración; e tendo unha gramática tan complexa como calquera outro idioma ficaría demostrada a existencia de instrucións innatas. Igual conclusión tírase do desenvolvemento do idioma de signos de Nicaragua, tamén no transcurso dunha xeración, a partires dunha lingua de acenos deficiente. E de casos onde rapaces xordos non cometen os erros dos pais que lles ensinaron unha lingua de signos que coñecían pouco.

O fenómeno da crioulización recollido por Bickerton deixa varias preguntas no ar: ¿Como é posíbel que a GU conteña os elementos estruturais de linguas que nunca existiron? ¿Xa non podemos crear gramáticas «ex novo»? ¿Temos os rudimentos de todas as gramáticas imaxinábeis e inimaxinábeis no interior do noso cerebro ao nacer? Estamos diante dunha tesitura similar á exposta polo psicolingüista ―innatista extremista e determinista biolóxico— Jerry Fodor, cando asegura que herdamos dos nosos antepasados uns cincuenta mil conceptos incluídos os de trombón e carburador, tendo difícil explicación como aqueles devanceiros puideron concibilos moitísimo antes de que se inventaran eses aparellos.

En canto aos exemplos das persoas xordas sería preciso coñecer ao detalle se as xeracións novas dispuxeron de maior información, mellor formación e máis relacións sociais que os integrantes da xeración anterior que favoreceran o seu proceso xeral de instrución e a aprendizaxe correcta da lingua. Así mesmo, non debemos esquecer a importancia da intuición (tanto para os que aprenden ou adquiren unha lingua como para aqueles que estudan como é que isto acontece), considerada por Descartes fornecedora de evidencia xa que é «un concepto non dubidoso da mente pura e atenta que nace da soa luz da razón e é máis certo que a dedución mesma».  ¿Ou, acaso, é máis racional recorrer á entelequia dos principios e os parámetros chomskianos que á intuición?

Aos innatistas non lles parece críbel que en menos dun lustro os nenos adquiran unha lingua, coa complexidade que todas teñen, sen unha gramática herdada que os axude. Pero isto non deixa de ser un prexuízo. 

Cabería a posibilidade de que a exacta e rápida asimilación da linguaxe por parte dos cativos non se debera á herdanza de gramática ningunha, senón á existencia (determinada polos xenes) dun conxunto de neuronas diferenciadas e especializadas (diferenciación e especialización que perderían cando os meniños chegaran ao terceiro ou cuarto aniversario) que se impresionaran, cal sensor fotográfico ultrasensíbel, cos estímulos lingüísticos (auditivos, visuais e táctiles) rexeitando os erróneos e seleccionando os correctos en función da súa frecuencia, ou de cálculos computacionais cuxa natureza descoñecemos. Se así fose habería un proceso de imitación e fixación «in situ» en vez dunha adquisición regalada da armazón da lingua. Resulta difícil admitir que poidamos herdar algún tipo de regra gramatical, por sinxela que sexa, como tamén non é asumíbel que herdemos clase algunha de regra social.

Noam Chomsky declarou en numerosas ocasións que si un lingüista marciano chegara á terra decataríase de que todas as linguas do planeta son semellantes, sen apenas particularidades propias. E non só iso, tamén cre que as linguaxes dos extraterrestres ― se é que os hai ― non serían demasiado distintas da linguaxe humana; é dicir, participarían da súa Gramática Universal. O modelo de referencia son as leis físicas que, en efecto, cúmprense (de momento) en calquera sitio do universo. Porén, a lingüística non é a física, como tamén non o é a fisioloxía: ¿Un vaso de viño do Ribeiro produciría o mesmo efecto nun marciano que o que produce en nós? ¿E unha botella?


Non mo contaron, mireino eu


Daniel Everett é un lingüista coñecido polos seus traballos de campo sobre a fala dos pirahã, na Amazonía brasileira. Estes estudos levárono a desafiar o universalismo lingüístico chomskiano, a súa hipótese da gramática universal e a aseveración de que a recursividade (a posibilidade de inserir unha oración dentro de outra de maneira indefinida) dáse en todas as linguas. A recursividade lingüística, dinos Everett, non se acha no pirahã. A súa falla viría determinada polo que deu en chamar «Principio de Inmediatez da Experiencia» (PIE).

O PIE obriga a que a comunicación entre os pirahã teña que remitirse á experiencia inmediata dos interlocutores; considerándose unha experiencia inmediata aquela que foi vista ou contada como vista por unha persoa viva no momento do relato. Polo tanto, o indio pirahã pode falar acerca do non presente sempre e cando o mirara el ou haxa alguén que responda do dito porque o mirou. Levado á gramática, este principio venlle a dicir ao falante que codifique os eventos dun en un, en frases independentes, pois no caso contrario no se podería seguir o rastro da evidencia esixida polo seu idioma.

Estas investigacións converteron a Everett nun relativista cultural máis que nun relativista lingüístico, xa que entende que o que inflúe sobre o pensamento das persoas non é a lingua na que se expresan senón a cultura. A cultura, alén diso, tamén afectaría á gramática como o demostra a ausencia de recursividade do pirahã.


O pensamento metafórico


Unha das figuras retóricas máis importantes na conexión entre pensamento e linguaxe é a metáfora. En «Metáforas da vida cotiá», George Lakoff e Mark Johnson desvelaron, dende unha perspectiva autonomista, o protagonismo que teñen as metáforas: o pensamento metafórico é previo e independente da linguaxe metafórica. Para estes autores a metáfora non é só un asunto de palabras, todo o contrario, defenden que «os procesos do pensamento humano son en gran medida metafóricos».

O «pluralismo metafórico» é unha faceta relevante da teoría cognitiva da metáfora de Johnson e Lakoff. Consiste en conceptualizar unha realidade con varias voces diferentes. Por exemplo; o traballo pode ser referido como unha fonte de recursos, como independencia, como autorrealización, como actividade que dá sentido á vida, como escravitude, etcétera.  Esta elaboración é equivalente á noción de «heteroglosia» concebida polo filósofo da linguaxe ruso Mijaíl Bajtín.

Ensínanos Bajtín que as linguas non son homoxéneas; están estratificadas: en xéneros literarios (oratorios, xornalísticos, novelísticos...); por profesións (linguaxe dos médicos, dos avogados, dos activistas políticos...); e tamén está a estratificación da lingua de uso común como consecuencia da división da sociedade en clases. Incluso danse algúns argots no ámbito familiar. Esta multiplicidade orixina unha pluralidade de dialectos socias, un «plurilingüísmo social» que caracterízase por variar co momento histórico da «vida verbal-ideolóxica» e coas xeracións.

O plurilingüismo social difúndese ao individuo, debido ao cal cada un de nós temos distintas voces ideolóxicas na nosa mente e cando tomamos conciencia da súa existencia as poñemos en diálogo entre si; deste modo podemos facer as nosas eleccións considerando os variados aspectos que toda realidade presenta. Como xa anotei, a este fenómeno Bajtín deulle o nome de «heteroglosia» ou «polifonía».

Así mesmo, cómpre subliñar a idea de Lakoff e Johnson de que as novas metáforas son capaces de crear novas realidades cando as introducimos no noso sistema conceptual e actuamos conforme a elas. Aseguran que moitos dos cambios culturais débense a este proceder: trocar os conceptos metafóricos vellos polos novos. Esta posición é similar á que Orwell refire en «A política e a lingua inglesa» como primeira regra para rexenerala: «Non utilizar xamais unha metáfora, símil ou outra figura do discurso que un acostume ollar impresa».


A tiranía do pensamento


Reflexionando sobre o que nos ensinan estes e outros estudosos e estimando a propia experiencia, as miñas conclusións son as seguintes:

1.- Sexa ou non herdada a facultade da linguaxe, iso non é o fundamental dende o punto de vista filosófico. O transcendental neste senso é, unha vez desenvolvida dita facultade, como relaciónanse pensamento, linguaxe e cultura. Esta relación eu a vexo piramidal: no cumio está o pensamento, o cal, a través da lingua e valéndose do corpo e de todas as demais cousas do universo, xera a cultura.

2.- A cultura é a materialización do pensamento de individuos relevantes que por algunha razón faise colectivo.  A linguaxe máis que da cultura é debedora da vida en grupo, porque esa forma de asociarse foi a que posibilitou ao pensamento resolver as necesidades vitais, corporais e espirituais. Coincido, xa que logo, con outros autores en que a linguaxe non é pensamento, é unha das ferramentas que ten, construída por el mesmo ao longo da evolución humana.

En conformidade co que veño de dicir, declaro que tamén non é pensamento a denominada «mente estendida» (cadernos de anotacións, axendas, arquivos informáticos persoais...). Esta, de xeito oposto a aquel, caracterízase por ser extracerebral en lugar de intracerebral. E os recursos citados, como acontece coa lingua, son simples ferramentas do pensamento; elementos anexos. 

3.- Non existe un mentalés, unha linguaxe do pensamento propiamente dito. O pensamento faise consciente de diversas maneiras e bebe de distintas fontes: palabras, imaxes, soños, sentimentos, emocións, datos dos sentidos corporais... Todos estes fenómenos infórmano e tenos á súa disposición para desenvolver as súas potencialidades que estarían xeneticamente condicionadas (limitadas, non determinadas) de xeito individual segundo o sexo, a raza e o conxunto do xenoma herdado. Quere elo dicir que sendo equivalentes as demais circunstancias persoais e sociais (herdanza económica e cultural, nivel de instrución e experiencia vital), as aptitudes da mente non son idénticas en todas as persoas.
Por conseguinte, o pensamento non é un compartimento estanco; ao contrario, prodúcese un «feedback» con eses estímulos e procesos. Direi que existe interrelación funcional e cognitiva entre eles.

Sendo certo o anterior, afirmo que non hai impacto cognitivo da linguaxe sobre o pensamento, o que hai é unha forte pegada do pensamento na linguaxe. En efecto; ademais de usala cando o xulga necesario, el é a orixe mesma da linguaxe, das linguas e de toda a súa diversidade intralingüística e interlingüística. Dedúcese disto que o adecuado non é tratar de explicar como a linguaxe axúdanos a pensar, senón como o pensamento utiliza a linguaxe para pensar. Algo que non é posíbel facer neste lugar (e coido que en ningún outro).

4.- ¿Pódese vivir sen pensar? ¿E sen linguaxe, sen falar? O pensamento apórtanos o ser, sen el non somos. O que nos fai humanos non é a linguaxe, é o pensamento. Unha persoa pode ser xordomuda de nacemento e carecer de linguaxe en sentido estrito, máis non por iso perde a súa competencia cognitiva nin a súa humanidade . Porque a nosa humanidade non reside na lingua; reside no pensamento. Na lingua o que radica é parte da nosa identidade.

5.- O pensamento non só é autónomo respecto da lingua e demais elementos dos que se vale para realizar a súa función, tamén o é da vontade. En poucas ocasións podemos elixir o que queremos pensar ou razoar, nin cando facelo. O pensamento é un tirano, polo tanto é apropiado falar dunha tiranía do pensamento que incluso xera patoloxías mentais. A lingua é un monicreque nas súas mans.

El foi o que me permitiu escribir este traballo, que non está redactado por min; redactouno el: refusa unha verba e acepta outra, as ordena segundo as regras gramaticais que coñece, e cando considera que expresan o que pretende amosar dedicase a outro quefacer. Desta maneira materializa o seu ser e pono á disposición dos demais.

6.- Como o corazón, o pensamento nunca acouga: está en actividade durante toda a vida, tamén mentres durmimos. Debido a isto pódese aseverar que a vida cesa cando o pensamento cesa. En consecuencia, cando se afirma que máis do 95% do noso pensamento é inconsciente, estase afirmando que máis do 95% da nosa vida e do noso ser tamén o son.

7.- O home non vén ao mundo programado; vén capacitado. Herdamos a capacidade para pensar, non os contidos do pensamento. Non herdamos contidos mentais estruturados, como os conceptos; herdamos comportamentos adaptativos que exercen funcións de instintos. Por exemplo, herdamos o comportamento adaptativo do roubo e da prostitución, pero non como conceptos, senón como accións que se disparan en determinadas situacións: sabemos que os primates ―e os humanos― rouban comida aos conxéneres, e as femias acceden a ter contactos sexuais con machos fornecedores de alimentos. É unha realidade produto da evolución. Realidade da que non gustamos porque ponnos de manifesto quen somos e como somos.