Opinión

100 petiscos de realidade de Trump

Reality Bites” é unha das películas xeracionais dos que nacemos a finais dos 70. A tradución sería “Petiscos de realidade“. Vai -grosso modo- de facerse maior e descubrir que non todo é de cor de rosa. Se Trump tivera participado no filme tería frase propia e sen dúbida sería esta: “Ninguén sabía que o sistema de saúde podía ser tan complicado”. Petiscos de realidade. O problema é que logo dun ano e medio cargando contra o Obamacare esta frase reflicte que non sabía do que estaba a falar. Pero non é o único tema do que falaba sen saber nada e quedou demostrado nestes 100 días de goberno. Por ir por partes.

A promesa máis simbólica foi a de levantar o muro con México, e por riba que México ía pagar por el. A realidade é que México non vai pagar por el. As estimacións do custe son tan difusas que van dos 16.000 aos 25.000 millóns de dólares. Polo de agora non atopou financiamento e a oposición demócrata podería levar á paralización dos orzamentos federais se Trump intenta cargar todo o custe ao erario público. Primeiro petisco. Segunda promesa: a prohibición de entrada aos musulmáns no país. A realidade foi que o intento de veto caeu en tódalas cortes posibles de xustiza e por unanimidade. É ilegal.

Obvio. Segundo petisco. Terceira promesa. Anunciou que nomearía un Fiscal Especial para investigar a Hillary Clinton e dixo a famosa frase de que se el fora presidente ela estaría na cadea. Nada máis gañar Trump desbotou esta idea dicindo que non quería danar aos Clinton. Este acto -que podería ser de magnanimidade co rival- non foi así entendido porque, lembremos, Trump prometeu “drenar o pantano” de Washington e nese pantano e cheos de lama están os Clinton, os Bush etc.

A mensaxe para os seus é de que seguen as portas xiratorias, non se drena nada. Terceiro petisco.

Cuarto. A China era o gran rival. Segundo Trump a China era quen estaba a esnaquizar a economía americana a través de manipular o valor da súa moeda. A realidade: Trump e Xi-Jinping reuníronse este mes en Miami. Trump admitiu que mentira, que a China non manipula a súa moeda, nin rastro de Taiwan nas súas conversas tampouco, e todo boas palabras sobre as futuras relacións comerciais. É posible que a Trump lle dixeran por fin que o 7% da débeda americana está en mans chinesas. Cuarto petisco.

Máis. A OTAN. Trump ameazou en campaña con saír da OTAN e cualificou como obsoleta á organización. O 12 de abril, Trump, tras reunirse co secretario xeneral de la Alianza Atlántica, Jens Stoltenberg, dixo que xa non estaba obsoleta e que a OTAN xa loitaba contra o terrorismo. Obviamente a OTAN non mudou un ápice a súa posición nestes meses, simplemente é que Trump non sabía o que facía a OTAN. Quinto petisco. 
Xunto co veto aos inmigrantes e o muro, a outra gran promesa foi o desmantelamento do Obamacare (ese que non sabía que ía ser tan complicado).

Non o conseguiu, de feito non conseguiu nin a maioría necesaria para sometelo a votación. Este foi un dos momentos máis baixos e embarazosos de Trump nos seus primeiros 100 días. Foi unha auténtica labazada de realidade porque realmente quen conseguiu paralizar o reemprazo do Omabacare non foron os demócratas, foron os republicanos máis radicais, co que Trump está atrapado nunha disxuntiva. Trump prometeu que o seu sistema de saúde sería mellor, máis eficiente e sostible, e que non deixaría sen cobertura á xente que se apuntou ao Obamacare. Sobre o papel soa ben. Pero como el mesmo dixo… é máis complexo.

A realidade é que non é tan bonito como o pinta polo que non vai conseguir o apoio demócrata e curiosamente polo outro lado tampouco vai conseguir apoio porque os republicanos radicais queren a erradicación total do plan e deixar de novo á xente sen cobertura, e de seguilos, Trump incumpriría a súa promesa e deixaría a millóns de americanos sen seguro. Difícil encrucillada que a efectos prácticos significa que non vai cumprir tampouco outro dos seus grandes mantras de campaña. Si sacou a Estados Unidos TPP e renegociará o NAFTA pero desde unha posición moito máis cordial con México e Canada, sen ameazas.

Tamén cumpriu a promesa de levantar as restricións á produción de enerxía, incluído o petróleo e o carbón, e para iso puxo á fronte da xestión medio ambiental a Scott Pruitt, coñecido por rexeitar tódalas evidencias científicas de cambio climático. En canto á prometida reforma fiscal, acaba de anunciala esta semana, o que non está claro é como pensa recuperar os 2 billóns de dólares que o Goberno deixará de ingresar nos vindeiros 10 anos. Aínda non se votou.

Outra máis. Do discurso non intervencionista en política exterior e o “América primeiro” non queda nin o nome tralas intervencións en Siria, a bomba en Afganistán e o envío da frota pantasma a Corea do Norte. Isto son os feitos, o resto son palabras. Falar e sinxelo, son os petiscos de realidade os que son máis amargos.

Te puede interesar