Opinión

A "Opción Nuclear"

Neil Gorsuch tería sido a portada do venres de toda a prensa norteamericana se Estados Unidos non tivera atacado Siria o xoves pola noite. Un pouco antes de que os Tomahawks caeran sobre as instalacións leais a Bashar al-Assad, o partido republicano activaba a “opción nuclear” por primeira vez na historia para nomear un xuíz do Tribunal Supremo. 

Trala morte do maxistrado conservador Antonin Scalia -que desfacía o equilibrio no Supremo a favor dos conservadores por cinco a catro- Obama intentou sen éxito nomear un novo xuíz para ese posto. Non o conseguiu. E non o conseguiu porque xa daquela os demócratas perderan o control de Congreso e Senado e os republicanos bloquearon calquera intento sequera de debater o candidato.

Gorsuch será o membro máis novo do Tribunal, o cal non é un tema menor, xa que os postos nesa corte son vitalicios. É dicir, pode estender a súa influencia durante 30 ou 40 anos. De aí a pelexa partidista polo control das forzas. Gorsuch é conservador pero non extremo. É dos que defenden o “orixinalismo”: interpretar a constitución de forma textual tal e como a concibiron os pais fundadores. Para conseguir o nomeamento os republicanos apelaron ao que se chama a “opción nuclear” que é unha forma espectacular de dicir: isto vaise facer polos meus narices.

Para unha decisión deste callado existe un pacto no Senado que di que se necesita unha maioría de 60 senadores sobre 100 para ser aprobado o candidato. A relación de forzas agora mesmo está en 52 republicanos e 48 demócratas. Scalia morreu en febreiro de 2016, fai xa máis dun ano. Con este panorama Trump non dubidou en ordenar a “opción nuclear” que significa dinamitar o acordo para que a aprobación requira de maioría simple na cámara, 51 votos e non 60, e como os republicanos teñen 52…feito. Non é convencional pero é perfectamente legal. A Trump votárono para facer cousas coma esta, desatascar os protocolos de Washington, o que non lle dixeron é que tiña que cinguirse á legalidade, e así lle foi co bloqueo migratorio. Esta vez rachou as convencións pero non a lei. 

Trump está recibindo un curso acelerado de realidade. De que falar é moito máis fácil que tomar decisións. Acaba de caer na conta esta semana de que Steve Bannon, baixo ningún concepto, podía estar dentro dun órgano tan poderoso como o Consello de Seguridade Nacional, e tras unha loita intestina co novo Asesor de Seguridade, o Tenente-Xeneral McMaster, Bannon caeu esta semana. 

Estados Unidos atacou unha base militar en Siria, fundamentalmente a súa infraestrutura. Fixoo pola noite, cando sabía que podía haber menos baixas, e logo de avisar a Rusia. A intención era clara: mandar unha mensaxe a al-Assad de que o uso de armas químicas rematou, e a Rusia de que, ou controlan eles o arsenal de armas químicas como quedou exposto na resolución do Consello de Seguridade UN 2118 de 2013, ou será Estados Unidos quen o faga. Esgrimen unha razón que ten sentido. O campo de batalla sirio é de extrema complexidade con aliados e inimigos que mudan de bando segundo a zona do mundo na que operen. Se esas armas químicas non están seguras e caen noutras mans iso pode afectar á seguridade nacional americana... e europea tamén.

Ao tomar esta decisión, curiosamente, Trump púxose en contra ao seus votantes máis fieis de estrema dereita. Trump cargara publicamente contra Obama por pedir o apoio do Congreso para atacar Siria en 2013, e agora, en 2017, Trump atacou Siria sen pedir o apoio do Congreso, rachou as boas relacións que pretendía manter con Rusia e dinamitou toda a súa estratexia de non intervir no exterior todo de vez. Non está mal o xiro. Casualmente era o que demócratas e republicanos lle dicían que ía pasar. Falar barato sae caro. Falando de fala baratos. Hai unha especie extraordinaria de persoas neste planeta que teñen solución para todo pero que non fan nada. O mundo tremeu ao ver as imaxes de cativos agonizando polos efectos do gas Sarín. Inmediatamente moitos  -Facebook ou Twiiter en ristre- reclamaban unha acción para parar o masacre ante a inoperancia do Consello de Seguridade da ONU, e cando EE.UU ataca un centro militar -que non civil- sirio rachan as vestiduras dicindo que volve o imperialismo e que EE.UU é a policía do mundo. Abraiante. Se fas porque fas, e se non fas porque non fas. Fíxate que desta volta estou con Trump. Prefiro ir nuclear dentro da lei  e equivocarme antes que unirme a un exército falabaratos multimedia.

Te puede interesar