Opinión

Alén do Cosmos

sss
photo_camera Santiago Formoso, coa camisola do Cosmos.

Nin Iniesta, nin Raúl, nin Xavi, nin Casillas... O único Balón de Ouro español da historia é galego, da Coruña, e se chama Luís Suárez Miramontes, “o Arquitecto”. Pelé, Beckenbauer, Neeskens, Carlos Alberto, Cruyff, Chinaglia... O único español que xogou no mesmo equipo con todos estes é galego, de Vigo, e se chama Santiago Formoso.

As máximas estrelas da historia do fútbol español ás dúas veiras do Atlántico son galegas. Estaría ben que recordáramos estas cousas de cando en vez para honrar a nosa historia. 

O Cosmos está a uns días de desa-parecer… outra vez, e o último documental sobre o equipo está feito por un galego Pedro Pablo Alonso, e sobre outro galego, Santiago Formoso. “Alén do Cosmos” acaba de presentarse en Vigo e será presentado en Nova York, onde vive Formoso, o vindeiro mes de xuño. 

O Cosmos é un equipo de deseño. Foi un enorme experimento de marketing que nunca acabou ben porque en Estados Unidos aínda non entenderon que o fútbol non é todo marketing. Vender imaxe está moi ben, captarás diñeiro e afeccionados novos nun primeiro momento, pero se non hai nada máis detrás os equipos caen como castelos de naipes. A afección é a alma do club e iso non se fai da noite a mañá. Nos Estados Unidos aínda non entenderon isto. 

Tampouco entenderon que o fútbol non poden ser franquías intercambiables como pasa co baloncesto. Poñamos un exemplo. Seguro que moitos lembran os New Jersey Nets da NBA, o equipo onde Petrovic se converteu en mito con 22 puntos por partido na súa última tempada. Pois os Nets logo de 36 anos en New Jersey foron mercados por un magnate ruso que levou a franquía a Brooklyn, Nova York. Resultado. Destrozada unha afección de 36 anos e a comezar a crear unha nova da nada. Imaxinen que alguén compra o Deportivo e o leva xogar a Ávila ou o Celta e o leva a Laredo. Pois iso é o que pasa en todo o deporte profesional americano. E desde logo co fútbol non funciona.

O Cosmos de finais dos 70 foi a forma americana de dicirlle a Europa: “Nós podemos facer o mesmo ca vós, dando máis espectáculo e gañando máis diñeiro”. Nos primeiros anos a conxunción de estrelas foi unha revolución. Ver xogar xunta a esa constelación deu froito. Metían daquela 80.000 persoas nos estadios, cifra inimaxinable hoxe en día, pero faltaron naquel momento dúas cousas fundamentalmente: estrutura de liga e paciencia. Curiosamente as mesmas cousas que seguen a faltar hoxe en día.

O Cosmos dos 70 -onde Santiago Formoso era unha das súas estrelas- morreu no 85 baixo a presidencia de Chinaglia que se fixera co control do club uns anos antes. Chinaglia viña de ser  integrante da mítica Lazio coñecida como o “Grupo Salvaxe”. As pistolas no vestiario era o menos que se podía ver naquel equipo. No campo era devastador. É o máximo goleador histórico da NASL en Estados Unidos e nomeado tamén mellor xogador da historia da Lazio. Como empresario acabou co Cosmos e en Italia foi detido no 2006 por organización criminal, por lavar diñeiro coa venda de entradas da propia Lazio, e acusado de pertencer á Camorra. 

Tras anos no esquecemento, pero coa potencia da marca latente, no 2009 o ex presidente do Totenham, Paul Kemsley, viu negocio en reflotar a franquía. Mercou o Cosmos e nomeou a Pelé presidente de honra e a Eric Cantona director deportivo. Mediaticamente non pode haber mellores credenciais. Conseguiu inversores e armar un equipo gañador en apenas 5 anos a base de talonario e fichar estrelas. Moi ao estilo americano e nomeadamente do Cosmos. A culminación da obra foi a fichaxe de Raúl. Veu, mirou e gañou. Raúl acabou a súa carreira erguendo o título da NASL ao carón de Marcos Senna en 2015. Nese momento falábase da construción dun enorme estadio en Queens que sería a nova sede do Cosmos e do salto da franquía da NASL (unha liga menor) á MLS a, digamos, primeira división do fútbol americano, onde xogan Pirlo, Villa, Kaká, etc. 

Agora o Cosmos apágase de novo. Detrás dos grandes logros os números non daban. O Cosmos estes anos pagaba mellor que o NYC FC. É como se o Levante pagara máis que o Barça.  Hai 15 días por sorpresa a directiva mandaba unha carta aos seus xogadores e persoal que dicía que lles pagarían ata este mes de decembro, e anunciaba a disolución do club se non atopaban inversores.  Ese é o Cosmos, unha supernova. Aparece de cando en vez no ceo para alumear máis que ninguén e logo esvaecer, pero no momento de máximo esplendor é unha marabilla. Ninguén sabe onde volverá xurdir pero ao igual que as supernovas o Cosmos nunca desaparecerá e nel, non o esquezamos, sempre estará un brillando un galego, Santiago Formoso, alén do Cosmos.

Te puede interesar