Opinión

A 'Banda Máxica' de Maskelyne

Jasper Maskelyne foi un mago. Un mago británico. Un mago británico na II Guerra Mundial, para máis señas. Tras alistarse foi destinado ao Real Corpo de Enxeñeiros e máis tarde pasaría a formar parte da “A Force”, o destacamento de camuflaxe e espionaxe do exército da súa maxestade.

A principios de 1941 a II Guerra Mundial non ía nada ben para os aliados na fronte africana. Rommel empurraba a Montgomery que ía perdendo posicións rapidamente ante o poderío nazi. Montgomery necesitaba dun gran truco para conter ao “Raposo do deserto”. 

A primeira misión de Maskelyne foi protexer o porto de Alexandría, en Exipto, dos bombardeiros alemáns. Expuxo o plan para facelo. Asignáronlle 500 homes, pero declinou o ofrecemento. Só necesitaba 14. Acababa de nacer “A Banda Máxica”. Un grupo de 14 homes formado por arquitectos, enxeñeiros, carpinteiros, encargados de atrezzo… e un mago. No canto de protexer o porto crearon unha distracción. Construíron un porto falso ao carón do de Alexandría para confundir aos avións nazis que se guiaban polas luces do peirao para bombardear pola noite. Éxito.

Tamén instalou espellos xigantes para protexer o Canal de Súez... todo ata que chegou o gran truco que axudaría a cambiar o sino na guerra de África, a Operación Bertram, na segunda batalla de El Alemein. Había que convencer aos nazis de que os aliados atacarían dende o sur cando a intención era a contraria. Maskelyne creou todo un exército falso. Converteu camións en carros de combate, camuflándoos por riba e facendo que arrastraran cadeas que simulaban as rodeiras dentadas que deixan as orugas dos tanques. Creou barracóns, incluso unha vía de tren e un oleoduto, sinais de radio falsas… Rommel caeu. Enviou boa parte da tropa ao sur mentres Montgomery atacaba polo norte. A partir dese intre comezou o repregue nazi en África. 

Con África recuperada era hora de poñer a vista en Europa, e a contraespionaxe británica creou un dos maiores farois da historia. A Operación Mincemeat. Debían enganar aos nazis e italianos. Facerlles crer que o ataque aliado sería por Grecia e Cerdeña cando o obxectivo era Sicilia. Para iso urdiron un plan que consistía -grosso modo- en botar ao mar un cadáver dun suposto oficial Británico diante das costas de Huelva con planos secretos da invasión. Todo falso excepto o cadáver, claro. Fíxose nas costas de Huelva porque España era terreo abonado para os nazis e o seu mellor espía estaba en Huelva: Adolf Clauss. Sabían que ao atopar o cadáver dun oficial británico na praia as autoridades franquistas avisarían aos alemáns, como de feito foi, e se conseguían enganar a Clauss o obxectivo estaría cumprido. Tamén caeron os alemáns no engano. E nesas chegou Trump.

Ate o de agora falamos de operacións de engado en tempo de guerra e levadas a cabo por servizos de espionaxe. O pasado nove de abril ante a crecente -coma sempre- tensión co réxime de Corea do Norte Trump dixo: “Estamos a enviar unha armada. Moi poderosa. Temos submarinos. Moi poderosos. Moito máis que o portaavións” para acto seguido lanzar o chío: “Corea do Norte está a buscar problemas. Se China decide axudar, estupendo. Se non, solventaremos o problema sen eles. USA”. Toda unha ameaza refrendada por imaxes do portaavións nuclear Carl Vison teoricamente indo cara Corea.

Pois todo este despregue que provocou a alerta vermella das diplomacias surcoreana, chinesa e xaponesa, era mentira. A armada poderosa, o portaavións Carl Vison e a frota de apoio, non ían de Singapur cara Corea. De feito ían en dirección contraria. Estaban a 5.000 millas da zona de conflito. Nin estaban nin se lles esperaba. Moi ao contrario ían camiño de facer unhas manobras conxuntas coa frota australiana. 

O farol destapouse cando a propia armada publicou unhas fotos da frota no estreito de Sona, entre Sumatra e Java. E aí saltou o escándalo. 

Sean Spicer, o voceiro da Casa Branca, defendíase dicindo que en ningún momento mentiron e que de feito -agora mesmo- o Carl Vison vai camiño de Corea. Ao pobre Spicer xa non o cree ninguén. Vai a bochorno por semana. Tralo ataque químico de Siria dixo que Al-Asad era peor que Hitler porque a Hitler non se lle ocorreu usar armas químicas, o que case provoca infartos múltiples nas familias dos milleiros de xudeus que morreron gaseados. Spicer tivo que desculparse, obviamente, pero este é o nivel.

O problema non é usar farois militares. De feito dalgún xeito funcionou, porque Corea non fixo o test nuclear que tiña previsto. O problema é que se o presidente da maior superpotencia mundial minte nisto, por que o van a crer na seguinte, cando sexa verdade? Esta é a reflexión do presidente de Corea do Sur que o pode levar a perder a confianza no seu aliado. Mentres, na China -ademais de facer bromas nos medios ao respecto- agardan agazapados, porque alí onde Estados Unidos perda terreo no Pacífico  -xa sexa en comercio ou xeo estratéxico- alí estarán eles para ocupar o seu espazo e gañar influencia.

Te puede interesar