Opinión

Bernie Sanders non é Pablo Iglesias

Nin Bernie Sanders (Nova York, 1941) candidato demócrata á Casa Branca, é Pablo Iglesias, nin Hillary Clinton é Pedro Sánchez, nin os demócratas son os socialistas, nin os republicanos os populares. Para empezar se se quere facer algún tipo de comparación hai que coller aos partidos españois, poñelos a todos un par de pasos á dereita de onde están e, máis ou menos, poden comezar a facerse unha idea do que son demócratas e republicanos. 

Bernie Sanders non pode ser Pablo Iglesias por moitos motivos, pero un dos principais é que o campo no que xogan non ten nada que ver. Aínda que custe créelo España está anos luz por diante de Estados Unidos en dereitos laborais, sanidade, educación e seguridade…anos luz.

Sanidade. En España non é gratuíta, pagámola todos, pero entendemos o concepto de Sanidade Universal. En Estados Unidos iso é unha utopía. O Obamacare tentou minimamente paliar ese déficit pero os republicanos xa dixeron que o derogarán se chegan á Casa Branca. Os demócratas falan con vergoña de que son o único país do primeiro mundo que non conta cun sistema de saúde público como se entende en Europa. Se non tes seguro privado ou diñeiro para tratarte un cancro, por exemplo, morres. Así de fácil. Ou endebedas a toda a túa familia. Recordan o argumento de Breaking Bad, un profesor de colexio ao que lle detectan un cancro e se mete a traficante para pagar o tratamento? Pois, resumindo, iso é a sanidade nos Estados Unidos. 

Educación. Cifras. A débeda para costearse a educación é a segunda maior do país logo da hipotecaria. De media os alumnos das universidades públicas rematan os seus estudios con 21/22 anos debendo uns 30.000 euros. En moitos casos esta cifra é o dobre ou o triplo, e os créditos alcanzan o 8% de interese, máis que o dunha hipoteca. Este é o panorama. Sanders quere que, mediante impostos especiais sobre a especulación de Wall Street, se poida financiar un sistema de educación estatal á Europea. O modelo de Sanders son as democracias nórdicas, non Venezuela. De Chávez dixo que só era “un ditador comunista morto”.

Dereitos laborais. Volvemos as películas. Visualizan esa escena onde o protagonista é despedido, recolle a mesa da oficina, mete todo nunha caixa e marcha? Pois esa caixa é a indemnización por despido. 0 dólares. Non falemos dunha renda mínima sen traballar ou de poñer tope salarial dentro dunha empresa privada que propón Iglesias. Un dos temas fortes da campaña está a ser o dereito á baixa por maternidade. Non existe en Estados Unidos. Só algunhas empresas privadas e o Estado de California recoñecen a baixa por maternidade pagada. Vacacións. En Estados Unidos un traballador que entra novo nunha empresa ten dereito a unha, ou como moito dúas, semanas ao ano. Pode tardar 10 anos en ter o mínimo que reflicte a lei en España. Neste caso Sanders está a favor desa baixa de maternidade, algo que en España xa temos.

Seguridade. Esta semana un neno de 4 anos disparou a súa nai mentres ía conducindo. O día antes a nai exhibira fachendosa nas redes sociais o seu dereito a levar armas e o ben que manexaba seu pequeno o seu “calibre 22”. Pouco máis hai que dicir. Sanders é un firme opositor a Asociación Nacional do Rifle é a tenencia de armas. Este problema non está en España. Foi un obxector na guerra de Vietnam e se opuxo a guerra de Iraq, pero “non son un pacifista, estou preparado para ser o Comandante en Xefe do exército e tomar decisións cando sexa necesario”, dixo nesta campaña. Non despreza ao exército, sí aos que fan negocio coas armas. 

Estados Unidos ten cousas marabillosas e outras coma éstas que aos europeos nos fan botar as mans á cabeza, pero facer comparacións é absurdo e non resisten unha mínima análise. Pode que haxa filosofías de fondo comúns nalgúns casos pero a realidade ten o costume de deixar a filosofía a un lado á hora de gobernar. Non, Sanders non é Iglesias. E en todos estes temas, por sorte, España e Europa non son Estados Unidos. 

Te puede interesar