Opinión

Chamando á tenente Uhura

Ocapitán Kirk e a tenente Uhura protagonizaron o primeiro bico interracial da historia da televisión. A serie, por suposto, Star Trek. Corría o ano 1968 e estamos en pleno auxe dos Dereitos Civís en Estados Unidos, onde ata 1967 era ilegal o matrimonio entre brancos e negros. Din que Nichelle Nichols tiña pensado abandonar a serie trala primeira temporada pero que tras unha conversa co reverendo Martin Luther King decidiu seguir. Era muller, negra, e comandaba unha nave espacial. Nichols era máis que unha actriz, era un símbolo. Seguiu, e o resto, como saben, xa é historia da televisión. Ese bico foi no capítulo 68, e o episodio foi censurado en varios estados do Sur por “antinatural” e “inmoral”. Así estaban case a principios dos 70 no país da liberdade. 

De feito Kirk bicouse antes con entes alieníxenas de forma humanoide que cunha muller afroamericana.  Star Trek (“Viaxe estelar”) foi pioneira non só na televisión, senón en anticipar tecnoloxía que non existía daquela. Tamén foi visionaria en razoar que non tódolos alieníxenas son boa xente. E aí entramos en materia. 

O planeta Terra acabará por desaparecer por motivos meramente astronómicos pero non está previsto que nós o vexamos a non ser que nos caia un asteroide enriba, e a día de hoxe os científicos saben que non hai ningún ameazante en rumbo de colisión. Digo ameazante porque asteroides chocan tódolos días contra a nosa atmosfera que se encarga de facelos anacos. A realidade en todo caso é que polo de agora todo o que viu do espazo foi un auténtico desastre para a Terra, dando por válida a teoría maiormente aceptada de que a caída dun meteorito no que hoxe é a península do Yucatán arrasou con case toda a vida presente sobre a face do noso planeta azul. Daquela dinosauros, fundamentalmente.

A NASA acaba de descubrir 7 planetas novos orbitando ao redor dunha estrela. Tres deles estarían en “zona habitable”, é dicir, a unha distancia suficiente da estrela para albergar vida tal e como nós a coñecemos.

O proxecto SETI  de búsqueda de vida extraterrestre leva décadas intentado recibir do espazo sinais que se poidan considerar como intelixentes. De feito vostede desde a súa casa pode participar no experimento mediante SETI Home. É o proxecto colectivo de maior envergadura orixinado pola NASA. Ate o de agora, á marxe dunhas ondas que se interpretan como WOW, non se conseguiu nada. Desde a Terra levamos anos mandando sinais ao espazo para amosar quen somos e onde estamos… pero é realmente unha boa idea? Na semana na que a excitación parece ser máxima con atopar vida noutro planeta semella lóxico facerse esa pregunta. Realmente queremos que nos atopen? A miña opinión ao respecto non vale para demasiado, pero a de Stephen Hawking, a mente científica máis brillante da era moderna, o home que é capaz de entender o universo, seguro que ten máis valor. 

Pois o señor Hawking non ten nada claro que sexa unha boa idea. Parte da base de que, por mero cálculo de probabilidades, ten que haber formas de vida diferentes á humana. A terra non é sequera un grao de area na praia máis inmensa que poidan imaxinar, e Hawking di que atoparnos cunha civilización máis desenvolvida que a nosa pode derivar nun proceso de colonización “e non acabou ben para os nativos americanos”, recorda. Di tamén que de recibir sinais doutros entes debemos ser moi cautelosos na resposta. Ten lóxica, a pregunta agora é: se quen detecta esa posible resposta alien é a NASA e a NASA é parte do goberno dos EE.UU, correspondería á máxima autoridade militar dos Estados Unidos entablar ese primeiro diálogo alieníxena? E dicir, quen repostaría ese sinal alieníxena sería Donald Trump? Ollo! Entonces si que si! A parte boa é que se son hostís a solución sería fácil. Trump incluiría aos aliníxenas na súa vindeira Orde Executiva anti inmigración: mexicanos, musulmáns e… aliens,  listo! Tamén é xusto dicir que sería moita casualidade que os extraterrestres tiveran Twitter para recibir a resposta. Sigan buscando, estamos salvados…pero que alguén chame á tenente Uhura, por favor!

Te puede interesar