Opinión

O derradeiro truco do máis gafe do mundo

Que qué diaños fixen? Matalos a todos, claro”. Robert Durst (Nova York, 1943). Fillo de Seymur Durst, emigrante xudeu que fundou a inmobiliaria National Debt Clock, dona dunha ducia de rañaceos na cidade de Nova York. Robert -Bob- desde pequeno sempre tivo máis diñeiro do que puido gastar.

Estudou Económicas e se preparou para tomar as rendas da empresa familiar, pero cando todo parecía preparado para el…chegou o golpe, seu pai puxo á fronte do negocio ao seu irmán Douglas. Hai dúas teorías: que seu pai intuíra a deriva á que ía encamiñada a vida de Robert ou que este revés provocara o seu definitivo descarrilamento.

A partir de aquí a vida de Robert Durst é de película… de película de mafia (neste caso non é unha frase feita, é literal: "All good things", 2010, con Ryan Gosling e Kirsten Dunst).

Os feitos. 31 de xaneiro de 1982, Vermont. A súa muller Kathleen McCormack desaparece, esvaece. A investigación policial rematou meses despois sen atopar o seu corpo e xa se sabe: non hai corpo, non hai caso. Robert, a quen apuntaban todas as evidencias, saíu indemne. Seu primeiro truco.

24 de decembro do 2000. Aparece morta no seu apartamento de Los Ángeles a que podía ser considerada a mellor amiga de Robert, súa confidente: Susan Berman. Desta volta si hai cadáver, motivo e oportunidade. Robert foi acusado de asasinato en primeiro grao e saíu absolto. Segundo truco.

Neste punto Robert Durst aféitase á cabeza e pasa a incardinar a personaxe dunha muller maior e muda. Desta guisa preséntase no seu novo vecindario na baia de Galveston, en Texas. Imaxinan qué pasou? 9 de outubro de 2001. Morris Black, veciño de Robert, apareceu non só asasinado, senón descortizado, co seu torso flotando nas augas da baia. Robert fuxiu pero foi arrestado e acusado de novo de asasinado en primeiro grao. Declarouse inocente alegando actuar en defensa propia… Por incrible que pareza foi absolto. Non hai como ser branco e rico nos Estados Unidos para que pasen cousas coma esta. Terceiro truco.

Seu avogado, por certo, merece un artigo de seu. Dick Deguerin, tipo duro de Texas que só se encarga de casos mediáticos onde se poden retorcer a lei e as vontades do xurado a partes iguais. Foi defensor de David Koresh, o líder dos Davidianos que se inmolou en Waco en 1993 matando a 75 persoas con el, 21 de elas nenos. Deguerin deixa a Saul Goodman -arteiro letrado protagonista da serie Better Call Saul- nun aprendiz.

Tres persoas que se cruzaron na vida de Robert, tres que apareceron mortas, e ningunha culpa súa. Mala sorte logo. Qué gafe! Aquí acabaría a historia se non chegara “The Jinx: The life and deaths of Robert Durst” ("O Gafe: a vida e mortes de Robert Durst”. O comezo da fin para Durst. E este final non podía ser máis que cuestión de sorte.

“The Jinx” é unha serie documental da HBO na que un equipo de xornalistas repasa todos estes episodios da vida de Durst con novas evidencias. Para o capítulo final dixeron: “e se chamamos a Durst? Falará?”. Contra todos os consellos dos seus avogados Durst fala, concede a entrevista e moito máis.

Durante as horas de rodaxe por máis evidencias que lle poñen diante Durst mantense firme. Nin unha soa fisura no discurso. Ía saír indemne tamén da súa propia tumba mediática, ata que ao final, pasou.

Remata a última entrevista. Durst vai ao baño sen decatarse de que leva o micrófono aínda posto e prendido. Comeza a falar só e confesa todo na “soidade” do baño. “Que qué diaños fixen? Matalos a todos, claro”. Logo de todo o pasado que che pillen así desde logo é mala sorte, escatoloxía á marxe.

A policía logo desta confesión reabriu o caso. Bob, estaba estes días en Nova Orleans e acaba de ser detido por posesión de armas, que con toda a xente que leva armas no Sur tamén é mala sorte que te deteñan.

Con 74 anos vai afrontar un novo xuízo polas mortes da súa muller, súa amiga e seu veciño. Veremos cómo sae desta... veremos se estamos ou non ante o derradeiro truco de Robert Durst.

Te puede interesar