Opinión

O despropósito americano

Osistema electoral de Estados Unidos é, desde as propias primarias, inxusto, equívoco e completamente ineficaz… pero da diñeiro e hai que recoñecer que é un grande espectáculo. Todos os políticos se queixan do sistema ata que gañan e logo xa se esquecen de reformalo.

Empezamos polos partidos. Os Demócratas son menos demócratas que os Republicanos, que llo digan a Bernie Sanders. Se Hillary Clinton non chega a ter o apoio dos Superdelegados agora mesmo Sanders sería o candidato. Os Superdelegados son persoas elixidas polo aparato do partido para exercer de factor de corrección nas primarias se ven que o candidato oficial non vai gañar. Se os republicanos tiveran esta figura agora Trump non sería candidato, tamén hai que dicilo. É un sistema de bipartidismo sen opcións reais para un independente.

A primarias son longuísimas. Máis dun ano de debates e centos de millóns de dólares que chegan aos partidos a través de escuros entramados empresariais cos PAC e os Superpac  (Comités de Acción Política) que baixo ese nome esconden cartos dos lobbies de presión.

Elíxese presidente cada catro anos, pero entre mentres están as eleccións de medio termo nas que se renova o Congreso o que fai, de facto, que un congresista estea máis tempo preparando a súa reelección que facendo o seu traballo. Non pasa o mesmo cos Senadores que son elixidos cada 6 anos e teñen así máis marxe de manobra. 

Para elixir ao candidato do partido vótase con dous sistemas: caucus e primarias, e nalgún estado as dúas. Os caucus son, literalmente, reunións de veciños que se xuntan para discutir e meter seu voto nunha furna. As primarias serían un sistema máis ao uso como se entende en España. Unha das maiores aberracións das primarias é que empezan no pequeno estado de Iowa que ten unha poboación como a de Galicia. Alí eses 3 millóns de persoas puideron elixir entre 16 candidatos republicanos e 3 demócratas, e cando a caravana chegou a Nova York, só quedaban na carreira 2 demócratas e 3 republicanos. É dicir os de Iowa tiñan case 19 opcións a quen votar e en Nova York, 5. E se alguén en Nova York quere votar por un dos 16 republicanos de Iowa, que pasa? Pois que non pode. Máis sangrante foi na candidatura republicana este ano onde os votos de California xa non valeron para nada ao quedar só Trump como aspirante. Isto solucionaríase votando todo o país o mesmo día, pero entón xa non sería unha “carreira” e moito menos un negocio para as televisións e as campañas. 

Pasadas as primarias chegan as Convencións do Partidos que adoitan ser a maior gloria do candidato e logo, tras un máis dun ano, entramos na campaña de verdade. Os candidatos visitan entre 4 e 5 estados ao día, chegan os debates televisados, os mitins a todas horas, unha tolemia… e finalmente as eleccións. 50 estados. Quen gaña en votos nun estado leva todos os representantes, menos en Nebraska e Maine, que teñen outro sistema. Non hai unha xunta electoral central que vele pola seguridade e boas prácticas. Cada estado ten as súas regras. Por exemplo, se un estado republicano sabe que o voto latino vai ser decisivo e pro-demócrata pode poñer menos furnas de votación, ou alonxalas dos centros de poboación ou mesmo intimidar aos votantes coa figura do “observador”, que non é outra cousa que un matón que se pon á porta dos colexios para amedrentar a latinos e afroamericanos para que non entren a votar. Isto está pasando en USA ata o punto de que a OEA , a Organización de Estados Americanos, se vai personar por primeira vez na historia como observador internacional. Máis cousas. Logo de rexistrarse para votar hai estados como California no que non se pide ningunha clase de identificación ao votante, ningunha!! Outros nos que se require pero que non pasa nada se non a tes, outros nos que é obrigatorio identificarse, e outros coma Nova York onde se esixe unha identificación con foto. Pouco máis hai que comentar sobre este desbaraxuste.

E tras esta carreira de despropósitos chegas a presidente. Para ben ou para mal a figura do presidente é importante pero tamén o son o Congreso e o Senado. Se o presidente non controla as cámaras o seu marxe de manobra é realmente moi limitado, así lle pasou a Obama nos seus dous últimos anos, e aínda co apoio das cámaras no seu primeiro goberno non puido pechar Guantánamo, por exemplo, unha das súas promesas electorais. Todas a enquisas erraron ate o de agora predicindo o efecto Trump, a única certeza destas eleccións e que este país quedará divido e con fondas feridas que xa veremos como se poderán curar, e a quen gañe seguro que se lle vai esquencer reformar o sistema de voto.

Te puede interesar