Opinión

O discurso 17

En oito anos de mandato Obama ofreceu 12 cenas de gala na Casa Branca, e tivo que saír 16 veces ante os medios para falar tras un asasinato masivo como o do domingo pasado en Orlando. Máis pésames oficiais que recepcións. Quen fai esta reflexión é Trevor Noha, que sucede á fronte do “Daily Show” a un mago da comunicación como é John Stweart. Remata o seu alegato Noah falando do “Discurso 17”. O discurso que lle vai tocar dar a Obama se non cambia nada neste país no tocante ao regulamento de armas. E xa lles anticipo: non vai cambiar nada. É todo unha cuestión de diñeiro, coma todo, coma sempre.

Os americanos que defenden que podas mercar un arma de asalto coma a que usou Omar Marteen escúdanse na famosa Segunda Emenda, que data do 15 de decembro de 1791. Como é posible que alguén se poida escudar nunha lei xurdida nun contexto singular de guerras e colonias para usalo hoxe de argumento? Isto non é Dereito Romano ou leis de xustiza universal que traspasan o paso do tempo, o texto fala de “milicias”: “Sendo necesaria unha Milicia ben ordenada para a seguridade dun Estado libre, o dereito do pobo a posuír e portar armas, non será infrinxido”. É como se en España nos negaramos a que as mulleres puideran votar en 2016 porque así estaba reflectido antes de 1931.

Ler así a Segunda Emenda -de forma fanática e fóra de contexto- é o que fan os terroristas cos “textos sagrados”. Collen o Corán ou a Biblia, entenden o que queren, e actúan en consecuencia. Omar Marteen, era musulmán -agora poden darlle as voltas que queiran- pero era musulmán. Como tamén o era Mohamed Alí. Tamén lle poden das as voltas que queiran pero non van cambiar os feitos. Nin do un para mal, nin do outro para ben. Anders Behring Breivik, que matou a 77 persoas en Noruega na Ila de Utoya era ultracatólico… Son feitos.

A cuestión é como se chega estes feitos. Moi fácil. Educando no odio. O pai de Omar Marteen dixo que, o que fixera seu fillo era unha tolemia, para engadir despois que “aos homosexuais xa os castigaría deus”. Pois se ti, como Omar, te crees un soldado de deus na terra o lóxico é que executes a súa xustiza, non? E cal é esa xustiza? Xa cho dixo teu pai “castigar aos gays”… pois aí o tes. As palabras importan. 

Se con toda a información que temos en Occidente somos altamente manipulables, imaxinen o doado que é construír un soldado do Daesh. Poñamos un exemplo. Un rapaz de cinco anos que quedou orfo porque as bombas americanas mataron a seus pais, uns campesiños, na invasión de Iraq. Ese rapaz pregunta por qué morreron seus pais. A ese rapaz lle ensinan un vídeo de tres señores brancos de traxe nas Azores ordenando un ataque sobre o seu país porque era unha ameaza atómica mundial. A ese rapaz logo lle poñen un vídeo de Mohamed el Baradei (director daquela da Axencia Internacional da Enerxía Atómica, dependente da ONU) responsable  de buscar e denunciar as armas de destrución masiva en Iraq, dicindo, por activa e por pasiva, que non as había. O rapaz non entende porqué se non hai armas os atacan igual, mentres lle poñen un vídeo dunha señora en España que di que gracias a ese ataque, os españois van ter máis barato encher o depósito de combustible.

Resumindo, os pais dese rapaz morreron en directo na “CNN”, chámanse “danos colaterais” e gracias a súa morte enchemos o depósito máis barato en España. Pois xa teñen un soldado fabricado, non parece difícil de comprender o seu odio, e agora o problema -que creamos nós- explótanos na cara. O problema chámase terrorismo e quen o comete faino en nome do Islam, tamén lle poden dar as voltas que queiran. Vaian aos feitos dos masacres de Europa, Estados Unidos, África etcétera a maioría perpetrados no nome da relixión musulmá. En todo caso se alguén, a estas alturas de artigo, entende isto como un ataque a todos os musulmáns é que non comprendeu nin unha palabra. O peligo non son as relixións… son os extremismos.

En Estados Unidos conflúen tres feitos cuxa combinación é letal. O primeiro, a súa política exterior en Oriente Medio fai que sexan obxectivo prioritario do Daesh. Dous, calquer perturbado educado no odio está a un “click” de ordenador de converterse nun fanático. E tres, ese fanático pode mercar un rifle de asalto porque o negocio das armas -esas mesmas que se venden para manter as guerras fóra- é o maior negocio de Estados Unidos. É todo cuestión de diñeiro, e nun país que vive consagrado aos billetes de cen, lamentablemente, todo indica que estamos abocados ao discurso 17.

Te puede interesar