Opinión

Os feitos alternativos do presidente

A vindeira invasión de Estados Unidos será a Irán e xa empezou. Empezou esta semana como arrancan as guerras modernas, tecendo unha mentira. Lembremos a segunda guerra de Iraq. Estados Unidos falsificou os informes de intelixencia sobre as armas de destrución masiva, e coa aquiescencia de España e o Reino Unido -Aznar e Blair-, George W. Bush meteu ao seu país nunha guerra ilegal baseada en feitos falsos.

A roda acaba de comezar a xirar de novo. O primeiro que tes que facer para entrar en guerra é crear un motivo, e o segundo que a opinión pública o respalde. Non hai casualidades cando se tratan estes temas. Nada é trivial.

Sean Spicer, o voceiro da Casa Branca, vai camiño de bater tódolos récords de mentir desde ese magno atril, pero esta última, a de Irán, foi extremadamente calculada. A noticia foi a seguinte: un grupo rebelde hutí do Iemen atacou unha fragata da Armada Saudí e morreron dous tripulantes. Punto. Un rápido contexto da historia. O Iemen, o país máis pobre e devastado do Golfo Pérsico, está a servir de escenario a Irán -chiies- e Arabia Saudí -sunnitas- para librar unha guerra sen manchar de sangue o seu territorio. Ben. Dun ataque de rebeldes iemenís a unha fragata saudí, máis unha proba balística que estaría dentro do pacto asinado por Irán en 2015, Sean Spicers, saca a seguinte declaración. Abro aspas: “Irán violou a resolución da ONU e ademais realizou accións hostís contra un dos nosos barcos.

Somos moi claros, non imos sentarnos e aguantar. A Irán lle ten que quedar claro que están baixo aviso e que este feito non vai quedar sen resposta”. Pecho aspas. Estes 20 segundos, cortados aí, que é onde acaba a declaración, son “casus belli”. Motivo de guerra. É un ataque da armada dun país á unha fragata do outro. Estamos falando do voceiro da Casa Branca, repito. Ante o asombro dos xornalistas na sala, o primeiro en intervir, corríxelle: “Barco saudí, non americano”. Ao que Spicer responde: “Si, si, perdón, seguinte pregunta”. Se cortas a desculpa e viralizas eses 20 segundos tes á Casa Branca dicíndolle aos americanos que acaban de ser atacados. Empezas a preparar o terreo. Un barco rebelde iemení acaba de converterse en iraní e unha fragata saudí en americana. Tan burdo e abraiante coma certo. 
A Administración Trump ten moi ben calculado que os seus votantes van tragar con todo o que lles lancen mentres teña unha compoñente patriótica. E sabe, sobre todo, que o que queda na mente son os grandes titulares, a rectificación non lle importa a ninguén. Exemplo. A imputación de X  gran empresario/político por corrupción abrirá a 5 columnas un xornal. Se logo -por casualidade- resulta que é inocente, esa información apenas terá relevancia. Está mal feito, pero é así, e Steve Bannon o sabe ben. Steve Bannon é o ideólogo da estrema dereita americana e home forte da Casa Branca, e é o que está a crear isto que se da por chamar de forma eufemística “feitos alternativos”. Pode afirmar que “2+3=6” e dicir que non é mentira, que é “un feito alternativo”, así funciona.

Mentir e falsificar informes de intelixencia é unha posibilidade para comezar unha guerra, imos pola segunda. Un atentado en chan americano. Os servizos de intelixencia e incluso ilustres republicanos como o ex candidato á presidencia John MacCain, expresaron publicamente que o veto de Trump a sete países musulmáns é unha invitación a cometer un atentado en chan americano.

A pregunta é, pode ser o que se busca para comezar unha guerra ou poñer á opinión pública da túa parte no tema migratorio? Se o atentado de Canadá tivera sido contra “brancos católicos” tería sido usado por Trump, non o dubiden, como foi contra musulmáns, apenas unha condolencia. Pode parecer unha barbaridade de razoamento pero é unha táctica de guerra tan antiga e probada como a propia guerra en si. Chámanse actos de bandeira falsa. Un acto de bandeira falsa que nunca se chegou a confirmar foi o afundimento do “Maine”, o buque norteamericano, en Cuba no 1898. Estados Unidos tiña un poderío infinitamente maior que o español na zona pero non un motivo para declararnos á guerra. O afundimento do “Maine”, que os americanos atribuíron aos españois, foi o “casus belli” que derivou na perda das colonias. A teoría di que os propios americanos afundiron o seu barco para ter un motivo de ataque. Esta sospeita nunca se chegou a confirmar oficialmente. Si, por exemplo, a Operación Northwoods, planificada en 1962 polo Departamento de Defensa de Estados Unidos para ter una escusa para invadir cuba. As accións ían desde secuestros a sabotaxes. Kennedy sempre o negou pero saíu máis tarde á luz gracias Freedom Information Act de Lindon B. Johnson.

Dicía Trump fai pouco na CIA que Estados Unidos debería terse quedado en Iraq explotando os pozos de petróleo, obviando por completo calquera clase de respeto a un Estado soberano ou ao dereito internacional. Non era a primeira vez que dicía esta barbaridade xurídica, pero esta vez apostilou, “xa veremos se temos outra oportunidade, xa veremos”. Que quere dicir Trump, o presidente dos Estados Unidos, con “xa veremos”? Non hai que tomarse a Trump a broma, a súa realidade alternativa pode sacudir con forza a realidade do resto do mundo.

Te puede interesar