Opinión

Fin do soño...europeo

O 1 de xuño de 2012 Iker Casillas levantaba a segunda Eurocopa de España consecutiva logo de gañarlle 4-0 a Italia. Foi no estadio Olímpico de Kiev. Hoxe Ucraína, en plena Europa, está en guerra. Os equilibrios de paz son moito máis febles do que pensamos, e non ver os signos de alerta é algo que pode resultar fatal.


A única parte boa que ten a vitoria de Trump é que acaba de poñer a Europa diante dun espello de aumento e agora todos miramos cara el horrorizados. O Reino Unido do Brexit -nun xesto de hipocrisía ou cegueira sen precedentes- levou ao Parlamento nomear persoa non grata a Trump mentres votaban a favor de exactamente o mesmo que di el, pechar fronteiras e proteccionismo máximo. Que Marine Le Pen fora a primeira líder mundial en felicitar a Trump, ao mellor fai que nos deamos conta que de non hai nada de inocente detrás das súas intencións, e a súas políticas de “Francia para os franceses” son as mesmas que levaron a Trump a gañar a eleccións. Nin a Italia nin en Europa se lle caeu cara de vergoña cando Berlusconi falou do “pouco apetecible” traseiro de Angela Merkel, cando saltou o escándalo de Vila Certosa, cando foi expulsado do parlamento por fraude ou condenado por prostitución de menores…”Il Cabalieri”, chamámoslle. 


Estamos asustados de Trump, facemos ben en estalo, pero agora que abrimos os ollos miremos o que estamos a derrubar en Europa. Estamos cocendo a fogo lento un caldo para facer o que mellor sabemos facer os europeos, matarnos entre nós. A Unión Europea é o garante de que iso non suceda, na medida que a desmantelemos máis preto estaremos do desastre.


Os inmensamente mediocres políticos europeos actuais farían ben e mirar moi de preto o que pasou en Estados Unidos porque o escenario ao que se enfrontan é o mesmo. A sorte que teñen en materia migratoria é que non é necesario construír un muro. Para iso xa está o mar Mediterráneo no que só este ano xa morreron máis de 4.000 persoas, si, 4.000 homes, mulleres e nenos afogados mentres en Bruxelas pactaban con Turquía metelos no patio de atrás para que non fixeran feo. Agora xulguemos o muro.


A de Trump non é unha vitoria republicana. De feito gañou con medio partido en contra. Trump, que é un trilero, escoitou a América esquecida, onde os índices de desemprego son de dúas cifras e non do 4,9% oficial. A América que se ergue ás catro da mañá para ir serrar troncos e que ve como a ficción do soño americano que lle meteron na cabeza se lle escapa entre as mans. Todos creen que merecen máis, que o seu goberno non se acorda deles e reclaman respecto. “Red neck” é sinónimo de paleto en USA. “Red neck” significa “pescozo vermello” e vén da color que adquire a caluga tras estar todo o día traballando ao sol. Pouco máis hai que dicir. Toda esa xente revelouse. E Clinton de forma involuntaria axudou.


Se chega a gobernar Clinton, entre os Bush e os Clinton se terían repartido na Casa Branca 20 dos últimos 28 anos de goberno do país. Gobernos de dinastías non de méritos. Clinton, no seu afán de apoiarse calculadamente nas minorías latinas e afroamericanas, provocou o efecto rebote nunha xa de por si extraordinariamente racista comunidade branca dos Estados do centro. O  posible auxe das minorías fixo que a maioría branca reaccionase coma defensa da “pureza” da súa raza fronte ao invasor. 


Desde a posición de superioridade moral de xente con estudos cúlpase do desastre aos que non os teñen. Dicimos que on están informados. Si que o están. Todos escoitaron os debates e puideron ver a mentiras e a fraude que é Trump pero non lles importa nada por dous motivos: un, todos usamos os medios para reforzar as nosas ideas, e se os medios transmiten unha información que non nos gusta a culpa é súa. Trump non parou de dicir que os medios estaban corruptos, e a mensaxe callou. Se non confías no medio da igual a mensaxe que transmita. E dúas, a desesperación é tal que calquera cousa que non sexa o que había lles vale. 
Trump é un tipo extremadamente perigoso ao igual que Le Pen, Geert Wilders, Theresa May…A América que vivía un pesadelo reivindica poder vivir coma todos o soño americano, e en Europa podemos espertar do soño antes incluso de entrar en fase R.E.M. Se as nosas institucións e políticos non están a altura da empresa que teñen diante é, desgraciadamente, non parece que o estean estaremos condeados a repetir a historia…e mellor non miren na historia Europea de 1945 cara atrás, terán pesadelos.

Te puede interesar